Foz, 24 de maio de 2023. O PP é un partido de acción transversal no que teñen sitio distintas sensibilidades. O candidato á alcaldía do PP en Foz, Javier Castiñeira, despois de participar no debate electoral celebrado esta mañá en Radio Foz, lanza unha mensaxe aos que no seu día votaron por CxG e aos que apoiaron a Foz Plataforma de Futuro, aos que di que moitas das súas propostas encaixan no programa do PP de Foz. Avisa de que os focenses teñen que elixir entre unha opción, que, como se viu no mandato que acaba, é o da falta de eficacia na xestión, ou o que representaron os oito anos de goberno popular.
Castiñeira sinala: “Ao longo da campaña, e despois de dous debates electorais, o PP de Foz vén demostrando que é a mellor opción posible, que ten un bo equipo, experimentado, disposto a traballar dende o primeiro día. E tamén se demostra que hai outra opción, que é a do bipartito, a opción deste catro últimos anos, a da desidia, o deixamento e a das obras a última hora”.
O portavoz popular manifesta: “No día de hoxe quedaron plasmadas con claridade no debate electoral en Radio Foz esas dúas posibilidades. Dende o PP pedimos o apoio de todos eses votantes que no seu día votaron a Foz Plataforma de Futuro, grupo co que fixemos traballos importantes no goberno, como xestionar a nova depuradora e aprobar varios orzamentos; tamén pido o apoio dos votantes nacionalista moderados de CxG. Teñen sitio no proxecto do PP de Foz; garanto que os representaremos e lembro que moitas das súas ideas figuran no noso programa”.
Os populares expresan o seu “agradecemento a todas as asociacións de veciños que nos permitiron coas súas propostas elaborar un programa amplo para Foz, prever obras que neste último mandato non se fixeron, especialmente baseado no traballo nas parroquias, como se fixo no anterior goberno do PP. Profundaremos na execución desas obras que quedan sen facer, como mellorar as entradas de Foz, a construción dun novo auditorio, dar solución ao Asilo e, en definitiva, mellorar a vida de todos os veciños deste concello”.