Ribas de Sil, 22 de maio de 2023. O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ribas de Sil, Jose Rodríguez, e varios membros do seu equipo interesáronse por coñecer os avances no proxecto de reforma do centro de saúde de San Clodio durante un encontro co responsable de Sanidade do Goberno galego no que analizaron as propostas de mellora dos servizos sanitarios que os populares recollen no seu programa de cara ás eleccións municipais.
Julio García Comesaña confirmoulles que “a reforma do centro de saúde da localidade está incluída entre as actuacións da fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta de Galicia” e que as actuacións suporán “unha reforma total: dende as fachadas, a cuberta, a carpintería exterior e interior e a pintura”.
As melloras permitirán corrixir os problemas de filtracións, a mala ventilación das instalacións que datan dos anos 80 e mellorar a accesibilidade. Tendo en conta, ademais, que os espazos asistenciais son de dimensións reducidas; procederase a dimensionalos adecuadamente. Tamén está previsto crear novos espazos para o persoal -aseos e sala de estar-, así como aseos adaptados para os usuarios.