Monforte, 22 de maio de 2023. Monforte ten no seu comercio un dos principais motores económicos e a candidata popular á alcaldía, Katy Varela, expresou novamente a súa plena disposición a apoiar decididamente este sector, se goberna, por todos os medios ao alcance do concello. Manifestou de novo esta vontade durante a visita que efectuou a varios establecementos acompañada polo vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde. Estiveron en establecementos que están adheridos ao Bono Activa Comercio, que emite a Xunta de Galicia. Varela sinalou que esta iniciativa, “xunto con outras da Xunta, ten como obxectivo impulsar o comercio local” e destacou que para o PP de Monforte é fundamental potenciar este sector. Manifestou: “Podemos sentirnos orgullos do comercio que temos, con produtos de gran calidade e con establecementos moi ben decorados”.
A alcaldable popular sinalou: “Agradecemos ao conselleiro o apoio prestado e a información sobre as medidas que aplica a Xunta de Galicia, que axudan a fomentar o consumo no comercio da cidade. É fundamental desenvolver a economía do municipio apoiándose no comercio local”. A candidata indicou que, se ten a confianza dos seus veciños e veciñas e goberna, propiciará todo tipo de colaboracións co centro comercial urbano e cos comerciantes. Para os populares, segundo resaltou Katy Varela, “é fundamental fixar poboación por medio do apoio ao emprendemento e aos comerciantes, entre outras medidas”.
Pola súa parte, Francisco Conde puxo en valor a importancia do sector comercial nas vilas e cidades galegas, contribuíndo a crear emprego e riqueza e a achegar servizos a toda a cidadanía. Neste sentido, apuntou que “o comercio de Monforte é un exemplo disto, pola súa calidade e profesionalidade, pola súa variedade e polo seu compromiso social” e sinalou que “desde o Partido Popular traballamos tanto a nivel autonómico como a nivel local para reforzar o sector e achegar as maiores facilidades para a súa actividade”.
Este é un dos motivos polo que desde a Xunta de Galicia se puxo en marcha o programa do Bono Activa Comercio, que chega á súa terceira edición. Trátase dunha iniciativa para incentivar as compras no comercio de proximidade, ao mesmo tempo que se axuda ás familias galegas a facer fronte á suba de prezos pola inflación, e se implica ao conxunto da sociedade no impulso deste sector. No programa, que ofrece descontos de ata 30 euros, participan xa 89 comercios de Monforte de Lemos. Nas dúas edicións anteriores mobilizáronse vendas por preto de 450.000 euros no sector comercial do municipio.