Lugo, 21 de maio de 2023. Os gandeiros precisan en Bóveda terreos para forraxes polo que acolleron con satisfacción o apunte feito polo conselleiro do Medio Rural, José González, no mitin-cea celebrado polo PP neste municipio na tarde-noite do sábado, sobre a posibilidade de enfrontar a creación dun segundo polígono agroforestal. Na actualidade, a Xunta impulsa un polígono agroforestal de iniciativa pública, na parroquia de Ver, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. O candidato a repetir na alcaldía, José Manuel Arias, expresou a súa satisfacción pola disposición do goberno de Galicia para seguir avanzando nesta liña e a importancia de impulsar iniciativas que xeren traballo e axuden a fixar poboación.
Na súa intervención no mitin o conselleiro lembrou que no ano 2021 a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, subvencionou a rehabilitación do muíño dos Fernández. A actuación enmárcase nos traballos de posta en valor do conxunto etnográfico do núcleo do Souto, que está executando o Concello, e que tamén conta coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A maiores, a Xunta cofinanciou outras tres achegas no marco do programa Leader, para sufragar distintos proxectos que se levaron a cabo no concello de Bóveda nos últimos anos, como o acondicionamento de parte das instalacións da nave da feira de Rubián eadotación aos distintos locais sociais de Bóveda de sistemas de eficiencia enerxética e de medios audiovisuais.
O titular do Medio Rural aludiu tamén ao traballo que leva a cabo este departamento no viveiro forestal dos Trollos, para conservar os recursos xenéticos e dispoñer de planta en cantidade, calidade e sanidade. Outra cuestión abordada polo conselleiro González foi a incidencia do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
No mitin-cea do PP de Bóveda participaron tamén o vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal; a deputada autonómica Raquel Arias, e o presidente de honra do PP de Bóveda, Fernando Carlos Rodríguez
O candidato popular a repetir na alcaldía, José Manuel Arias, destacou na súa intervención o traballo feito nos últimos anos para fomentar a creación de emprego no municipio, utilizando para elo distintas vías, fundamentalmente a creación de solo industrial. Expuxo a súa intención de promover novo solo industrial mediante a adquisición de 90.000 metros cadrados para este fin ao pé da estrada comarcal 546, entre Bóveda e Rubián.