O Courel, 21 de maio de 2023. A candidata popular a repetir na alcaldía do Courel, Lola Castro, estivo arroupada no concorrido mitin-cea celebrado na noite do pasado sábado polo vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, así como pola deputada autonómica Raquel Arias e a senadora Rosa Arza. Lola Castro lembrou que, pese aos duros momentos vividos meses atrás a causa dos incendios forestais, saíron adiante proxectos de gran relevancia para o municipio e perfiláronse outros a executar no próximo mandato.
Lola Castro sinalou entre os grandes obxectivos para o próximo mandato a construción e posta en servizo da residencia da terceira idade. Lamentou que a Deputación demore a execución dos trámites necesarios para que este proxecto se converta en realidade. Destacou que, pola súa parte, o Concello ten feitos todos os trámites necesarios, incluída a concesión da licenza de obra.
Por outro lado, a candidata popular a repetir na alcaldía asegurou que en moi breve prazo reanudaranse as obras na estrada entre Folgoso o Seoane, paradas durante uns días pola necesidade de resolver cuestións de índole técnica.
Lola Castro sinalou que concorre a estas eleccións “con máis ilusión aínda, se é posible, que na primeira ocasión e con tantas ou máis ganas de traballar para mellorar a calidade de vida dos meus veciños”. Expresou o seu agradecemento aos integrantes da súa lista polo compromiso e dedicación ao concello.
Pola súa parte, o vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, destacou a confianza e estabilidade achegada polo goberno local de Lola Castro nestes últimos catro anos a pesar dos intres difíciles que viviu o concello pola pandemia e o incendio do pasado verán. Conde subliñou a necesidade de seguir realizando un traballo conxunto entre administracións para que localidades como Folgoso do Courel poidan seguir impulsando o seu sector primario, o turismo e a captación de novos investimentos que xeren oportunidades e emprego.