Partido Popular de Lugo

O conselleiro José González avalou en Samos as propostas do candidato popular á alcaldía, Miguel Gallego, para o medio rural

Lugo, 20 de maio de 2023. O conselleiro do Medio Rural respaldou hoxe ao candidato á alcaldía de Samos, Miguel Gallego, no mitin celebrado no restaurante A Veiga, no que tamén interveu o secretario xeral dos populares lucense, Javier Vázquez Nodal.

Na súa intervención o aspirante popular á alcaldía de Samos, Miguel Gallego, deu a coñecer distintos aspectos do programa co que concorre as eleccións locais do próximo día 28. Abordou cuestións relacionados co impulso do medio rural, entre as que citou a mellora das pistas xa existentes, apertura de novas vías, así como a posta en servizo da brigada contra incendios. Ao referirse a zona rural, criticou con dureza as medidas de especial protección do lobo decididas polo Goberno central, xa que está creando graves problemas co gando nalgunhas zonas do municipio.

Gallego indicou que na súa folla de ruta está a creación dunha nova residencia da terceira idade.

Na súa intervención, o alcaldable popular criticou a “campaña rastreira” que están a facer algúns partidos, que non dubidan en xerar bulos a través das redes sociais.

Polo seu lado, o conselleiro do Medio Rural, José González, lembrou que a Xunta e o sector agrario veñen de demandar por carta unha reunión urxente ao Ministerio de Agricultura para que rectifique as axudas directas que prexudican os gandeiros galegos. Tal e como se acordara na reunión mantida o pasado luns, o conselleiro do Medio Rural remitiu unha misiva ao ministro Luis Planas que tamén asinan Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.

González respondeu con dureza ás declaracións efectuadas polo delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro. Sinalou: “Pídolle ao señor Gómez Besteiro que se deixe de medidas electoralistas, que se deixe de discursos que non teñen ningunha xustificación e dígolle que, se de verdade quere traballar a favor dos gandeiros galegos, que nos acompañe nas nosas reivindicacións, ás organizacións agrarias e ao goberno galego, nesa reunión ante o Ministerio para presionar el tamén, porque ten que defender o sector gandeiro galego e que se poña fin a esta inxustificable discriminación territorial que se aprobou a semana pasada na que os gandeiros galegos só van recibir un 25% das axudas que corresponderán aos doutros territorios”.

Cómpre lembrar que ademais de demandar unha reunión urxente co Ministerio, o luns pasado acordouse crear un grupo de traballo para analizar os sectores máis prexudicados pola seca e os seus efectos na suba dos custos de produción

Pola súa parte, o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal, destacou que “o PP aposta polo talento xove” e indicou que “no PP, hai mozos e mozas de gran valía profesional e académica”. Con respecto ao candidato, Miguel Gallego, destacou que é unha persoa con preparación e que está á fronte dunha explotación agrogandeira. “Para o PP –manifestou Vázquez Nodal- a xente moza ocupa un lugar prioritario”.