Partido Popular de Lugo

Arias reforza a aposta de Bóveda polo solo industrial como motor da economía do concello, unha iniciativa que puxo en valor Francisco Conde na concorrida cea-mitin do PP

Lugo, 20 de maio de 2023. O PP de Bóveda celebrou esta noite un concorrido acto electoral (cea-mitin) no que arrouparon ao candidato a repetir na alcaldía, José Manuel Arias, o vicepresidente do PP da provincia de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o titular de Medio Rural, José González, e o secretario xeral do Partido Popular da provincia, Javier Vázquez Nodal. Á cea asistiron trescentos veciños; cada un deles pagou 15 euros

O alcaldable popular, veterano na alcaldía, José Manuel Arias, destacou que o Concello fixo nos últimos anos unha forte aposta polo solo industrial, que deu tan bo resultado que agora é preciso ampliar a dispoñibilidade de terreo para as empresas. Por iso, Arias ten na súa folla de ruta a adquisición de 90.000 metros cadrados para solo industrial, ao pé da estrada comarcal 546, entre Bóveda e Rubián.

Na exposición dos proxectos do seu equipo, Arias prestou atención á posta en marcha do viveiro de empresas que se está a construír

En materia de servizos sociais, o candidato a repetir na alcaldía anunciou a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF); para elo incrementan a partida orzamentaria. O obxectivo é chegar con este servizo a máis veciños. Igualmente anunciou o acondicionamento na capitalidade do municipio dun local para os servizos sociais.

O Concello avanzará, segundo explicou Arias, na mellora da eficiencia enerxética. Por un lado, continuando coa renovación de alumeados. Por outra parte, mediante a instalación de contadores de auga vía radio (como os xa instalados nos domicilios) nos entronques dos ramais de subministro a todos os núcleos; o obxectivo é ter información precisa para tomar as decisións máis adecuadas para unha mellor e máis eficaz xestión do servizo.

Por outro lado, avanzou que o Concello seguirá prestando atención moi especial a Centos Fes, á feira Outrora, aos campamentos e as actividades da Casa da Cultura.

O vicepresidente do PP de Lugo e vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde, puxo en valor os seis mandatos consecutivos de José Manuel Arias á fronte da alcaldía de Bóveda, dos que destacou que sempre tivo como gran prioridade buscar o progreso e benestar dos veciños e veciñas do municipio.

Neste sentido, Conde apostou por seguir revitalizando o rural galego e convertelo nunha fonte de oportunidades para emprender, investir e vivir. Así, un dos obxectivos para Bóveda será crear solo industrial para poder promover a implantación de novas empresas.

O secretario xeral do PP da provincia, Javier Vázquez Nodal, destacou na súa intervención que “o candidato é unha persoa con moita experiencia na alcaldía, porque goza da confianza dos cidadáns, porque os veciños de Bóveda saben que practica unha política de proximidade, de contacto directo, de escoita activa”. Por iso, e polo aval da boa xestión efectuada, “Bóveda é unha garantía de bo resultado para o PP”.

MITIN NO SAVIÑAO

O senador José Manuel Barreiro e o voceiro do PPdeG no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, arrouparon ao candidato á alcaldía do Saviñao, Carlos Armesto, poñendo en valor que «é un gran alcalde e cun gran compromiso coa súa xente e o partido». Ademais, engadiron, «soubo moi ben coller o relevo que lle deixou Joaquín e hoxe O Saviñao non nos equivocamos se dicimos que é un concello referente na Ribeira Sacra». 

Pola súa banda, o alcaldable defendeu que concorre ás eleccións do día 28 «co deber cumprido». Neste senso, destacou que todas as promesas do mandato que está a piques de rematar «se materializaron con feitos». E, todo elo, subliñou, «co traballo dun equipo que se deixou a pel». «Acompáñanme 11 home e 10 mulleres traballadores e moi comprometidos co Saviñao. Se seguimos contando coa confianza dos veciños, seguiremos gobernando para a xente. Esta é a nosa máxima e non concibimos o Concello doutro xeito», concluíu Armesto.