Partido Popular de Lugo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade apoiou as propostas de Katy Varela para facilitar a conciliación ás mulleres emprendedoras en Monforte

Monforte, 20 de maio de 2023. A candidata popular á alcaldía de Monforte, Katy Varela, visitou esta mañá varios establecementos comerciais da cidade en compañía da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Estiveron en diferentes negocios rexidos por mulleres, comprobando as dificultades que teñen para conciliar o traballo profesional coa atención á familia.

Katy Varela destacou a necesidade de apoiar o emprendemento, e especialmente o feminino. A candidata popular sinalou que “no PP lamentamos que dende o Concello non solicitaran as axudas que ofrece a consellería de Emprego e Igualdade para a conciliación”. Sinalou que no seu programa electoral figura “un plan de conciliación laboral, con axuda da Xunta, para apoiar ás familias para ter espazos e actovidades nos que nenos e nenas estean atendidos mentres os seus pais e nais desempeñan o seu traballo”

A alcaldable popular declarou: “Cremos que é fundamental que a Administración local dea este tipo de apoio para xerar emprego no municipio, de maneira que non sigamos perdendo poboación”. Explicou que, “en canto a garderías,  o Concello non pediu as axudas correspondentes para ampliar o número de prazas e comprobamos que  hai xente que vai vivir aos concellos da contorna precisamente por falta de prazas en garderías”.

Pola súa banda, a conselleira Lorenzana puxo de relevo a sensibilidade da candidata popular a prol da conciliación e a corresponsabilidade, “dous conceptos que adquiren día a día unha maior relevancia na sociedade, e por iso é fundamental que todos, administracións e tecido empresarial, lle deamos maior presenza e invistamos na mellora da calidade de vida e das condicións laborais das persoas traballadoras”.

Lorenzana agregou: “Como dicía Katy esta mañá, temos que continuar nesa sensibilización, na racionalización dos horarios de traballo, na conciliación dos seus traballadores e traballadoras, como única vía para conseguir ese benestar laboral no que estamos insistindo tanto”.  Asegurou: “Desde a Xunta  seguiremos apoiando todas cantas propostas, como as que Katy adiantou hoxe, nos permitan avanzar na igualdade laboral e na sustentabilidade social empresarial”.

Lorenzana lembrou que o Goberno galego ven de convocar axudas destinadas a concellos, consorcios e mancomunidades para promover a igualdade de xénero, fomentar a conciliación e financiar o traballo dos Centros de Información á Muller (CIM) que conta cun orzamento de máis de 9,3 millóns de euros.

POLO DE EMPRENDEMENTO E APOIO AO EMPREGO LUGO SUR

Finalmente, candidata e conselleira recordaron que persoas emprendedoras, traballadoras autónomas, cooperativas, sociedades laborais, etcétera, con independencia do sector ou actividade económica que desenvolvan, teñen ao seu dispor un Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego -situado a carón da Oficina de Emprego, na rúa San Pedro-  para asesoralas e acompañalas en calquera etapa na que se atope o seu negocio, co obxectivo de axudar a mellorar a súa competitividade e fomentar a creación e consolidación de emprego.

O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Lugo Sur atende desde Monforte de Lemos á propia cidade e máis aos concellos de Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Carballedo, Chantada e Taboada.

Lorenzana sinalou así que o Goberno galego está a  investir en materia de emprendemento máis de 18 millóns de euros, que se suman a outros 60 dedicados a apoiar o traballo autónomo e a 42 dirixidos especificamente á economía social.