Partido Popular de Lugo

Katy Varela reivindica un reparto máis xusto dos recursos municipais entre os barrios e as parroquias de Monforte e anuncia un Plan Integral da Auga para solucionar as deficiencias no subministro

Monforte, 18 de maio de 2023. A candidata do PP á alcaldía de Monforte, Katy Varela, comproba estes días o que xa tiña detectado con anterioridade en barrios e parroquias: a existencia dun estendido malestar pola inxusta distribución dos recursos municipais. A este respecto, a alcaldable popular sinala: “Comprobamos nesta campaña o descontento existente nalgunhas parroquias e barrios porque non se senten suficientemente atendidos polo Concello á hora de solucionar os problemas que os afectan máis directamente”.

Entre eses problemas sen atender figuran, entre outros, pero en cabeza da lista, “as deficiencias na subministración de auga, así como o escaso apoio ás asociacións veciñais e ás festas”. Varela destaca que no programa electoral do PP figura “o deseño e execución dun Plan Integral da auga”, que solucione as deficiencias no abastecemento e axude a mellorar o estado do río. A xestión do ciclo da auga, segundo lembra Varela, é unha das competencias propias, fundamentais, que ten o Concello.

Varela explica: “No barrio da estación tiveron problemas coa subministración de auga. Nos últimos meses, houbo gran número de avarías na rede. Os veciños quéixanse de que a auga ten pouca presión, o que crea molestias”.