Partido Popular de Lugo

Alfonso Rueda visita Ribadeo da man do candidato Dani Vega, ao que definiu como un traballador incansable á altura do que os seus veciños merecen e necesitan

Ribadeo, 17 de maio de 2023. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, visitou hoxe Ribadeo en compañía do candidato do PP á alcaldía, Dani Vega.

O alcaldable tivo así a oportunidade de mostrarlle ao líder dos populares galegos algúns dos puntos máis emblemáticos da vila, como o céntrico parque de San Francisco ou a edificación indiana que acolle o Mercado de Abastos. Dous puntos dun percorrido que transcorreu polas rúas do Bierzo, Rodríguez Murias e Ramón González.

Dani Vega aproveitou a visita para reiterar o seu agradecemento a Alfonso Rueda polo constante apoio do Goberno galego a Ribadeo en materia de investimentos, como os realizados no CEIP Gregorio Sanz ou no novo centro de saúde. Unha actitude que contrapuxo á parálise política provocada polo actual Goberno municipal e que o popular aspira a reverter a partir do 28 de maio ofrecendo aos veciños un goberno serio e solvente.

Pola súa banda, o líder dos populares galegos reivindicou Ribadeo como a carta de presentación de Galicia para todos os que acceden á nosa Comunidade polo norte, apostando por un goberno á altura do que os ribadenses merecen e necesitan e da man dun traballador incansable e con ideas novas como Dani Vega.