Alfonso Villares aspira á reelección como alcalde ofrecendo o traballo feito e promete seguir ao carón dos veciños escoitando as súas demandas e necesidades
- No Día das Letras Galegas, Alfonso Rueda defendeu o modelo de convivencia lingüística “en harmonía e liberdade” que se dá en Galicia como “o modelo que queren a maioría dos galegos”
- Lamentou a “estratexia de insultos, faltas de respecto e descualificacións” que está empregando a oposición e pediu máis sentidiño: “A xente non quere escoitar iso e é moi triste que se teña que recorrer a descualificar ao rival cando non se ten nada que dicir”
- “Este é o momento de falar do que se quere facer en cada concello. Onde se goberna, explicar o que xa se fixo e o que se quere seguir facendo. E, onde se aspira a gobernar, facer chegar á xente as nosas propostas”, explicou
- Sobre o alcalde de Cervo e candidato á reelección, o líder dos populares galegos amosouse convencido de que Alfonso Villares volverá ter a confianza maioritaria dos seus veciños este 28 de maio porque “coñece mellor que ninguén como funciona o municipalismo e cales son as necesidades dos concellos galegos”
ALFONSO VILLARES: “OFRECEMOS O TRABALLO FEITO”
- Pola súa banda, o alcalde e candidato á reelección puxo en valor os investimentos realizados e os servizos financiados polo Goberno galego en Cervo: “Grazas a esta axuda, o Concello pode ter unha serie de servizos cubertos e á disposición dos veciños”
- Ademais desta “inestimable axuda” por parte da Xunta de Galicia, Alfonso Villares agradeceu tamén a Alfonso Rueda persoalmente “o interese demostrado sempre por todas as cuestións e todas as demandas que lle son trasladadas desde Cervo”
- “Nesta campaña ofrecemos o traballo feito ao longo destes anos ao carón dos veciños”, sinalou o rexedor reivindicando a capacidade de escoita do seu goberno: “Levamos anos escoitando e intentando levar adiante de xeito humilde todas as peticións e demandas que nos traslada a veciñanza”