Meira, 16 de maio de 2023. O responsable autonómico de Sanidade, Julio García Comesaña, arroupou hoxe a Óscar Fernández, candidato do PP á alcaldía de Meira, onde o Goberno galego ten proxectada a reforma e ampliación das instalacións do centro de saúde e Punto de Atención Continuada (PAC) que permitirá triplicar a súa superficie.
Fernández subliñou, nese sentido, “a importante achega” por parte da Xunta para o desenvolvemento do proxecto na súa totalidade; xa que o orzamento ascende a 2,5 millóns de euros”. A primeira fase, a correspondente á propia redacción do proxecto, xa está rematada.
Con esta implicación do Goberno galego, “está garantida a viabilidade futura do centro de saúde en Meira” que, como cabeceira de comarca, ten asociado un PAC que presta atención aos veciños dos municipios da Pastoriza, A Pontenova, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto.
O candidato agradece o apoio decidido da administración autonómica para dotar de mellores servizos en materia sanitaria aos veciños da comarca de Meira. García Comesaña lembrou ao respecto que “en xaneiro deste ano a Xunta tamén creaba equipos de enfermería de atención domiciliaria para reforzar a atención no rural”. Un deles está localizado en Meira e atende a poboación das comarcas de Meira, A Fonsagrada e Os Ancares. Igualmente, a finais do ano pasado a Xunta incorporou un dietista-nutricionista que presta atención aos pacientes do centro de saúde de Meira con problemas de colesterol, hipertensión ou diabetes.