Partido Popular de Lugo

O popular José Manuel López confirma que, se ten a confianza dos veciños e veciñas de Guitiriz para gobernar, solucionará o problema do abastecemento de auga

Guitiriz, 16 de maio de 2023. O candidato popular á alcaldía de Guitiriz, José Manuel López, estivo arroupado hoxe, no mitin na Casilla, pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado; o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, e o secretario xeral do PP da provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. O candidato deu a coñecer o programa electoral co que concorre ás eleccións do próximo día 28 no que, no terreo das infraestruturas, destacou a mellora do abastecemento de auga, e no social, ademais de xestionar a posta en marcha da esperada Residencia da Terceira Idade, anunciou que promoverá unha comida con el e coa concelleira de Benestar Social das persoas maiores que estean soas o día de Reis, así como o servizo a domicilio dunha cea especial de fin de ano para quen estea nas citadas condicións.

En canto á mellora do servizo de augas, o candidato popular di que, se goberna, primeiro construirase un novo depósito (de 10 millóns de litros) e posteriormente será ampliada a presa na que se fai a captación, ou se construirá unha nova. Destacou tamén o seu proxecto para ampliar o solo industrial e apoiar o asentamento de empresas, así como a solicitude de que se instale de maneira permanente unha compañía da UME en Parga. Comprométese a levar a auga potable e o saneamento ás parroquias que o soliciten.

Polo seu lado, Pedro Puy, manifestou: “O PP representa un proxecto de unidade, cun liderado claro e políticas que non se improvisan. O noso obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas e por iso apostamos por proxectos ambiciosos como a transformación do PAI en escola infantil, o impulso decidido para ofertar máis solo industrial, atraer empresas e xerar emprego ou poñer a disposición da veciñanza vivendas a prezos accesibles, que son proxectos do noso candidato en Guitiriz que, seguro, contarán co apoio do Goberno galego”.

O secretario xeral do PP de Lugo, Javier Vázquez Nodal, sinalou: “O cambio político en Guitiriz producirase o próximo día 28 da man de José Manuel López e servirá para poñer a Guitiriz no lugar que lle corresponde”. Será tamén un paso máis no camiño para “o cambio de Goberno a nivel nacional; Guitiriz vai ser protagonista do cambio a todos os niveis, empezando polo ámbito local”.