Muras, 15 de maio de 2023. A candidata á alcaldía de Muras, Eugenia Requeijo, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro Ourol, visitaron esta mañá as instalacións de Ferroplast e Tepsa, pertencentes ao Grupo Plásticos Ferro, para poñer en valor traballo que realizan e como unha mostra de apoio ao tecido empresarial do municipio. A primeira é unha empresa cunha larga traxectoria dedicándose á fabricación e comercialización de sistema de tubaxes e accesorios de plástico, o que permite solucionar calquera tipo de necesidade en materia de conducións e canalizacións. A segunda fabrica caixas de plásticos e outros produtos para o sector alimentario.
Unha das cuestións que máis resaltan no proxecto de Eugenia Requeijo é a ampliación e adquisición de solo industrial entorno aos terreos das naves que utilizan as empresas para as súas labores. O municipio necesita esta ampliación do espazo para dar respostas ás demandas de solo que formulan os empresarios da zona.
Eugenia Requeijo destaca o seu total apoio á industria e apunta que “un dos asuntos que máis relevancia adquire para nós é adquisición de solo industrial para atraer empresas, axudar ás que están asentadas e xerar oportunidades de emprego para os máis mozos que, á súa vez, implica un apoio ao asentamento da poboación. Neste caso en Ferroplast queren ampliar unha zona de almacenamento e por iso é necesario máis solo industrial, con este tipo de medidas queremos apoiar o desenvolvemento da industria en Muras”.
Pola súa parte, Francisco Conde subliñou que grazas a Ferroplast, Muras é a denominación de orixe das primeiras tubaxes de PVC que se fabricaron en España nos anos 60. Por iso, considera fundamental que desde o Concello se lle facilite ás empresas de Ferroplast máis solo industrial para ampliar as súas instalacións, compañías -Ferroplast e Tepsa- que facturan entre as dúas preto de 75 millóns de euros e empregan a máis de 200 traballadores.
Conde trasladou, ademais, o apoio do PP á industria que, como Ferroplast, é intensiva en enerxía, -concretamente a coxeración e a electrointensiva- e reclamou do Goberno un marco enerxético competitivo que lles permita traballar en igualdade de condicións que no resto de países europeos.