Partido Popular de Lugo

Dani Vega presenta parte do seu programa electoral nun encontro con Francisco Conde e con empresarios de Ribadeo

Ribadeo, 15 de maio de 2023. O candidato á alcaldía, Dani Vega, presentou esta mañá parte do seu programa electoral no foro empresarial celebrado en Ribadeo,  no que participou o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde. Vega trasladou o seu agradecemento a Conde por asistir a este foro no que se falaron das distintas propostas en materia económica que o alcaldable ten pensado no caso de chegar á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

“Unha das primeiras medidas que temos pensado é unha rebaixa seria e concisa do prezo do solo do polígono industrial que afecte ás parcelas. Necesitamos un tecido económico forte e levamos moito tempo loitando por ter un polígono industrial en condicións, porque ter temos polígono pero hai que incorporarlle a palabra industrial”, di Vega. Outros dos aspectos no eido económico a tratar polo alcaldable é converter a Ribadeo nun referente económico na Mariña e, por iso, “é necesario atraer empresas facilitando a súa instalación no municipio a través da redución da burocracia administrativa”.

Por outra banda, Vega quere impulsar sectores como o urbanismo. “Temos que tomar medidas para favorezan o seu desenvolvemento para o crecemento económico de Ribadeo e non poñer paos nas rodas como é habitual neste goberno do BNG”. O candidato dos populares tamén ten distintas propostas para favorecer o emprendemento e a creación de emprego, como é o caso da creación de espazos de coworking para empresas e de vivieros de empresa, e a creación dun portal de emprendemento dixital con asesoramento técnico. “Teremos tamén un espazo para o teletraballo” engade. Ademais avoga por unha reducción de impostas como unha das claves para impulsar aos sector empresarial, en especial na hostalaría e os comerciantes: “Vemos necesario unha redución das tasas, fraccinar o IBI e eliminar a plusvalía.”

En canto ao turismo, o candidato aposta pola súa potenciación a través da elaboración dun plan estratéxico de desenvolvemento xestionado por un ente público privado. Tamén resalta o turismo cultural e os congresos que “como xa fixemos desde a oposición, recuperamos as xornadas Mar por Medio e agora queremos pactar toda a actividade cultural co sector turístico para establecer un paquete informativo. Apostaremos tamén pola construción dun edificio que será un centro multiusos para albergar todo tipo de actividades culturais”.

FORMACIÓN DE EMPREGO

Vega explica que “empresa e formación profesional van unidos” e, por iso, “quixemos

xestionar moita formación profesional durante estes anos e agradecemos ao IES Porta da Auga e á escola de Pedro Murias por non ser conformistas e seguir impulsando iniciativas formativas”. No primeiro centro, implantouse formación específica sobre a construción de barcos de fibra en colaboración con Astilleros Gondán. No segundo, apoian e apostan polo sector forestal, un dos principais motores económicos da Mariña. 

Neste sentido, Dani Vega destaca a colaboración de empresas para complementar a formación dos alumnos. «Este ano estamos a traballar para xestionar máis formación con Medio Rural para a creación de dous cursos máis de formacións, despois do éxito dos ciclos de formación».

Pola súa parte, Francisco Conde destacou que a prioridade é acompañar e incentivar o emprendemento e a actividade das empresas porque fai crecer a economía e progresar aos concellos. Para logralo, o vicepresidente cre necesario contar con administracións que ofrezan axilidade administrativa, apoio financeiro, acceso a solo empresarial, asesoramento e axudas para facer fronte aos retos actuais de dixitalización, sustentabilidade e eficiencia enerxética.