Partido Popular de Lugo

Alfonso Villares asegura que «os servizos públicos de calidade son e serán primordiais no noso proxecto de traballo para Cervo»

Cervo, 14 de maio de 2023. O candidato do PP á alcaldía de Cervo, Alfonso Villares, aposta por “servizos públicos de calidade” e, máis especificamente, durante o mitin celebrado en Cervo lembrou que “a educación e a conciliación familiar son e serán primordiais no noso proxecto de traballo”. Tamén interviron o responsable autonómico de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o deputado, coordinador do PP provincial e integrante da candidatura, José Manuel Balseiro.

O municipio de Cervo conta con tres centros de ensino -dous colexios e un instituto- e “cremos que deben estar en condicións óptimas. Por iso non escatimamos esforzos económicos para que estean ben dotados para ofrecer un servizo de calidade aos nosos rapaces e rapazas”. Nese sentido, Villares agradeceu o compromiso da Xunta que permitiu mellorar o CEIP de Cervo grazas a un investimento de máis de 1 millón de euros.

Villares incidiu tamén no seu compromiso coa atención aos nenos de 0 a 3 anos. Nese sentido, aposta pola continuidade da escola infantil municipal “xestionada polo Concello e con traballadores públicos coa que se da cobertura de xeito gratuíto ás necesidades de tódalas familias do noso concello”.

O equipo do Partido Popular esfórzase por “atender aos veciños e veciñas”. Nese sentido, “continuaremos a desenvolver actividades que permitan a conciliación laboral das familias nos períodos de vacacións -verán, Nadal ou Semana Santa- sen que os seus fillos e fillas queden desatendidos”. De feito, “poñemos todos os recursos necesarios para que ningún rapaz ou rapaza quede fóra e temos coñecemento da boa acollida entre os nosos veciños e os doutros concellos”.

Villares propón un proxecto que continúe atendendo as necesidades dos veciños e veciñas “traballar por e para Cervo, dende os diferentes ámbitos, tal e como fixemos nos últimos anos”.