Partido Popular de Lugo

A conselleira Ángeles Vázquez apoia as propostas da candidata do PP en Monforte, Katy Varela, para a rehabilitación de edificios, e compartiu mitin co aspirante á alcaldía do Páramo, José Luis López

Lugo, 13 de maio de 2023. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, arroupou na xornada de hoxe a varios candidatos populares na provincia de Lugo. Pola tarde, estivo en Monforte e participou nun mitin no Páramo. Nas súas intervencións explicou distintos aspectos da xestión do seu departamento de interese para os concellos nos que estivo hoxe.

En Monforte, a conselleira, acompañada pola candidata popular á alcaldía, Katy Varela, e distintos membros da lista electoral, recorreu varias rúas dos casco histórico e explicou as liñas que ten abertas o seu departamento para impulsar a rehabilitación de edificios en Galicia.

A candidata popular á alcaldía, Katy Varela, sinalou: “No paseo que demos coa conselleira comprobamos a gran cantidade de edificios en mal estado que hai no casco histórico da cidade, no corazón da cidade. Se chegamos á alcaldía, comprometémonos a que as axudas para rehabilitación que se firman coa Xunta de Galicia realmente cheguen aos cidadáns, e por outro lado, intentaremos que Monforte acceda ao Plan Rexurbe, como xa teñen outras cidades da provincia. É a maneira de impulsar a rehabilitación de edificios en puntos estratéxicos como é o casco histórico. Así, tamén sería posible aumentar a oferta de pisos en aluguer. En todo caso, a rehabilitación é esencial para mellorar a imaxe da cidade, nunha zona tan sensible como é o casco histórico, e para fixar poboación, porque para iso é esencial que os mozos e as mozas teñan unha oferta inmobiliaria atractiva”.

O PÁRAMO

No mitin no Páramo, o candidato popular, José Luis López, destacou como un obxectivo para o próximo mandato a consecución da residencia da terceira idade, para á que xa está feito o proxecto.

Outro dos obxectivos que se marca o aspirante popular é avanzar nas xestións para conseguir o polígono industrial que precisa o Páramo, un territorio estratexicamente situado, porque, entre outras cousas, está a solo 15 minutos da capital lucense.

En materia de servizos sociais, José Luis López deu a coñecer a súa intención de poñer en funcionamento o programa Xantar na Casa, co fin de que ningunha persoa maior do municipio que viva soa teña dificultades para cubrir as súas necesidades en canto a alimentación. Da mesma maneira, o candidato popular quere implantar o servizo Madrugadores.

Por outro lado, anunciou que na súa folla de ruta figura a creación dun parque infantil no entorno do colexio público.

Pola súa parte, o coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, José Manuel Balseiro (deputado autonómico), fixo fincapé en que “o PP vai recuperar esta alcaldía, cun equipo renovado, co actual alcalde, que fixo unha boa xestión”. Balseiro mostrou a disposición do PP a gobernar no Páramo: “Imos a por todas”.