Muras, 12 de maio de 2023. Ata catro membros do tribunal encargado da selección dunha a praza de educador social para o Concello de Muras presentaron a súa renuncia a formar parte do mesmo. Esta situación leva ao principal grupo da oposición, o Partido Popular, a sospeitar que estas renuncias son consecuencia dun proceso “pouco claro”.
Os populares teñen advertido en diversas ocasións da “opacidade do goberno local” noutros asuntos e, dende o punto de vista político, cre que “este é outro exemplo de falta de transparencia”. Nese sentido, lamentan que “o tipo de xestión que está a realizar o alcalde nacionalista Manuel Requeijo pode resultar negativa para a imaxe do noso Concello”. Neste caso, “aprécianse as dificultades que ten o goberno local para desenvolver con normalidade un proceso de selección de persoal”.
O PP local lembra outros exemplos de “mala xestión” como, por exemplo, “os atrasos no pago de facturas dende maio do 2022 que suman máis de 177.000 euros ou os atrasos no pagamento das contías correspondentes aos premios da Feira do Poldro do 2022”.