Partido Popular de Lugo

Miguel Corgos respaldou os proxectos dos candidatos populares de Foz, Alfoz, O Valadouro e Burela para apoiar a empresarios, autónomos, emprendedores e comerciantes

Lugo, 12 de maio de 2023. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou esta mañá na Mariña en reunións con empresarios, comerciantes, emprendedores e autónomos, ás que asistiron os candidatos populares de Foz, Alfoz, O Valadouro e Burela.

Miguel Corgos nas súas intervencións tanto, en Foz, onde comezou as reunións, como nas localidades que completaron o programa, salientou o apoio do Goberno galego a estes colectivos para manter e incrementar o emprego, e subliñou que coas rebaixas fiscais aprobadas polo Executivo autonómico de media cada galego aforrará 476 euros ao facer a declaración do IRPF correspondente ao ano 2022 en relación ao ano 2009.

O titular de Facenda e Administración Pública tamén lembrou a posta en marcha do Polo do Emprendemento da Mariña lucense que brindará un asesoramento personalizado e permanente, e que desde hoxe pemes e autónomos poden acceder a unha liña de financiamento para operacións de investimento, circulante e garantías por importe de 60 M€.

O conselleiro tamén informou sobre as axudas dirixidas á mellora da conectividade e para infraestruturas de banda larga, así como para favorecer o retorno dos galegos do exterior con oportunidades profesionais.

Pola súa parte, o candidato do PP á alcaldía de Foz, Javier Castiñeira, manifestou que os últimos catro anos foron un tempo moi difícil para todos, sinaladamente para empresarios, autónomos e comerciantes, debido á pandemia e a crise enerxética. Castiñeira sinalou: “Cando tiveron que botar man das administracións públicas viron con claridade cales deron a cruz e cales deron a cara. A Xunta puxo fondos de todo tipo, xestionados con axilidade. Pola contra, o goberno de Foz foi dos que non deron axudas directas aos empresarios”.

Castiñeira dixo que a falta de compromiso claro por parte do goberno local cos sectores comerciais e industriais está relacionado co continuo peche da actividades en Foz. Manifestou: “Non se traballou na ordenación do territorio, non se fixo nada no PXOM; os grandes contratos do Concello, como son o do SAF e o da auga, están sen resolver; houbo problemas para a concesión de licenzas, con retrasos nalgúns casos de varios meses; en síntese, houbo moi pouca axilidade por parte do goberno local”. Para Castiñeira, “Foz non pode ser só residencial; por iso, hai que activar o polígono e ampliar o solo industrial”. Confirma que se goberna “unha das primeiras medidas será eliminar a plusvalía e establecer exencións para os emprendedores”.

No restaurante O Frenazo, Miguel Corgos reunise con autónomos, comerciantes e empresarios de Alfoz e do Valadouro, así como cos candidatos populares. O aspirante á alcaldía de Alfoz, Juanjo Fraga, expuxo a súa intención de desenvolver un plan de dinamización e apoio para autónomos, emprendedores e traballadores do sector primario. Asegurou que se goberna creará unha oficina de información, asesoramento e tramitación dos proxectos destes sectores.

Pola súa banda, o candidato á alcaldía do Valadouro, José Manuel Lamela, comprometeuse a adoptar medidas de apoio aos autónomos, e apuntou que, se goberna, rebaixará o IBI.

Polo seu lado, en Burela, o candidato popular, Manuel Rouco, confirmou que se goberna aplicará as propostas que expuxo ao longo do mandato no que se refire aos tributos. Por un lado, anuncia unha rebaixa fiscal para os negocios, así como a supresión das taxas que o goberno socialista incrementou de maneira desmesurada ao longo destes anos. Para incentivar o empadroamento, haberá rebaixas no IBI. Na mesma liña, Rouco confirma que se chega á alcaldía haberá unha revisión á baixa de todos os tributos municipais, co fin de dinamizar a economía local.