Partido Popular de Lugo

Conde e Balseiro respaldan os proxectos económicos liderados polos candidatos de Brollón e Ribas de Sil

A Pobra do Brollón / Ribas de Sil, 12 de maio de 2023. O vicepresidente do PP provincial e responsable do Goberno galego de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, respaldaron este venres os proxectos liderados por Teddy López, na Pobra do Brollón, e Jose Rodríguez, en Ribas de Sil, e que están destinados a potenciar o tecido socioeconómico de ambos os municipios. No caso de Brollón, o candidato explicou que inclúe, para elo, unha baixa de impostos, como o IBI; ademais de apoio a autónomos e emprendedores, así como medidas para a creación de emprego estable e de calidade.

Francisco Conde agradeceu ao candidato este paso adiante e a súa iniciativa a través dun proxecto “para sacar ao concello do seu illamento e parálise”. Destacou que no rural galego tamén hai oportunidades de futuro para os veciños e veciñas vinculadas ao sector primario pero tamén á industria. Neste sentido avogou por que as administracións ofrezan axilidade administrativa, reduzan as trabas fiscais e burocráticas e xeren un clima favorable ao investimento. Na mesma liña, o coordinador xeral expuxo que “o proxecto de goberno actual está esgotado, polo que o PP é a única alternativa que pode significar un cambio das políticas que hai neste Concello. É dicir, votar de novo ao BNG ou ao PSOE sería ter máis do mesmo”; de aí que Balseiro pedise o apoio dos asistentes para o candidato brollense.

No caso de Ribas de Sil, a candidatura inclúe no seu programa actuacións concretas como a creación dun polígono industrial para asentar empresas e crear emprego, recuperar a oficina bancaria como servizo esencial para os maiores e os negocios locais, atraer demanda turística implicando ao empresariado local ou facilitar e apoiar o emprendemento.

Francisco Conde valorou moi positivamente a implicación do alcaldable e do seu equipo, do que -dixo- “é exemplo de que a xuventude galega é valente e emprendedora e que José Rodríguez é o cambio que Ribas de Sil necesita”. Conde referiuse á necesidade de revitalizar o rural galego para convertelo nunha fonte de oportunidades para emprender, investir e vivir. “Un futuro que en Ribas de Sil debe pasar polo apoio ao sector primario, ao turismo e á industria coa captación de proxectos a través de administracións áxiles que faciliten os investimentos”, remarcou.

O coordinador xeral, en concordancia co vicepresidente da formación a nivel provincial, puxo en valor a importancia de acadar gobernos renovados e que sexan lembrados pola xestión. Neste senso, Balseiro destacou que “Ribas de Sil ten que ser un deses. Só así, este municipio mellorará en servizos”, respaldando con estas palabras o proxecto político que representa Rodríguez e que se caracteriza “pola seriedade, a coherencia e a humildade”, algo que, sendo tan mozo, dixo, “é aínda máis relevante se cabe”.