Partido Popular de Lugo

As traballadoras do SAF de Castroverde, satisfeitas coa proposta de Pablo Figueiras que inclúe a municipalización do servizo

Castroverde, 11 de maio de 2023. Unha ampla representación das traballadoras do SAF de Castroverde amosaron na tarde-noite de onte a súa satisfacción ante a proposta realizada en días pasados polo candidato á alcaldía neste municipio, Pablo Figueiras, que inclúe a municipalización do servizo se acada a confianza dos veciños o 28M. Así o trasladaron, logo da xuntanza mantida conxuntamente polas empregadas, o alcaldable, membros da candidatura e o reponsable do Goberno galego en Lugo en materia de Política Social e secretario xeral do PP provincial, Javier Nodal, para analizar a medida e as condicións laborais que implica este cambio de paradigma na xestión da prestación que o Concello ten externalizada.

Figueiras anunciara na presentación da candidatura que “esta era unha teima case que persoal”, pois, apunta, “estas traballadoras non poden continuar na situación na que están e o servizo non pode ser tan cuestionado ata o punto de que moitas denunciaron á empresa por prácticas intolerables”. Deste xeito, o candidato popular agradece “a boa sintonía” da xuntanza, así como a participación de Nodal quen lles deu conta de todo o que implica o proceso de municipalización tanto en materia laboral, como na diversificación da atención aos usuarios.

“Este foi o segundo paso. A semana pasada eu mesmo lles comuniquei por teléfono que ía facer público a nosa proposta, emprazándoas á unha reunión para consensuar, escoitar e analizar o que supón un valor engadido na prestación da axuda a domicilio en Castroverde”, detalla.

Esta acción “necesaria”, en palabras de Figueiras, “é a verdadeira solución á situación que temos e que todos coñecemos. Que o alcalde anuncie unha nova adxudicación nada resolve. É máis, non exime de que os problemas que ten agora o servizo se volvan a producir”, remarca.

COS MAIORES E OS NENOS

Ademais, e “porque ao PP si que nos preocupa e ocupa o coidado dos maiores e incluso dos nenos en materia de conciliación”, o candidato explica que o programa electoral tamén inclúe a creación de vivendas sociais, un punto de atención á infancia e dun centro de día.