Partido Popular de Lugo

O PP insta ao bigoberno provincial a escoitar á sociedade lucense que reclama que se descarte a corta de sete árbores do antigo Fogar de Santa María e se modifique o proxecto do aparcadoiro

Lugo, 10 de maio de 2023. O goberno bipartito da Deputación, e de maneira moi especial o seu presidente, José Tomé (PSOE), ten demostrada unha capacidade case ilimitada para persistir no erro, por máis que estea reiteradamente avisado. Vai camiño de facelo de novo, esta vez coa súa decisión de cortar árbores do recinto do antigo Fogar de Santa María. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Unha vez máis pedimos ao goberno da Deputación que paralice a corta de sete árbores do antigo Fogar de Santa María. Non lle pedimos que nos fagan caso aos do PP, aos que leva toda a lexislatura sen querer escoitar a pesar de que practicamente sempre tiñamos máis razón que o equipo de goberno; pedimos que escoite á sociedade civil lucense, ás agrupacións e asociacións ecoloxistas e á xente que está demandando que non se corten esas árbores”.

As árbores que se pretenden cortar “son importantes para Lugo, están no entorno da Muralla, nun ámbito urbano ao que caracterizan; nelas hai moitísima vida, do que é proba que o servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia está actuando neste caso, porque como todos entendemos, é un atentado medioambiental”.

Os populares critican o dobre raseiro do bipartito. Castiñeira declara: “Éncheselles a boca falando de políticas medioambientais e, cando nesta materia hai asuntos importantes como é este, poñen por diante as súas pretensións políticas, que veñen  dun enfrontamento entre o PSOE e o BNG para ver quen é o competente  no Fogar de Santa María e intentan levar algún tipo de rédito político por esa obras que queren facer”.

Para o grupo provincial do PP, “neste caso, os competentes son os veciños de Lugo, que non queren que se corten esas árbores; reclamamos que  se cambie o proxecto, que se paralice esa obra e que se conserven esas árbores”.  Castiñeira di que “mellor sería gastar os cartos en protexer as árbores en vez de cortalas, e seguir mantendo vida nesa zona, que forma parte do ambiente urbano da cidade de Lugo e que ninguén quere que desaparezan”. Engade: “As árbores son de Lugo, non de Tomé nin da señora Ferreiro”.