Sober, 5 de maio de 2023. O candidato do PP á Alcaldía de Sober, Luis Fernández Guitián, preséntase de novo ás eleccións do 28 de maio co obxectivo de que o municipio “siga prosperando”. O actual rexedor municipal asegura que o seu equipo lle dará continuidade a un proxecto iniciado hai xa 3 mandatos que segue centrado no desenvolvemento económico, o emprego e o benestar social, con especial atención aos maiores e ás familias.
“Tentaremos consolidar unha acción de goberno que está a facer que o Concello se sitúe entre os máis dinámicos da provincia, polo que nesta candidatura apostamos por persoas que teñen acreditada ampla experiencia e capacidade de traballo”, precisa.
Fernández Guitián concorre ás eleccións cun equipo continuista con experiencia de xestión e forzas renovadas no que se pode ver unha representación equitativa de todo o municipio. “Son persoas comprometidas con Sober que darán o mellor de si para seguir axudando aos nosos veciños e veciñas no seu día a día”. O rexedor recorda, neste sentido, o esforzo extraordinario que o equipo de Goberno fixo durante a pandemia axudando en todo aquelo que os veciños e veciñas necesitaron.
50 LIÑAS BÁSICAS
O actual rexedor popular concorre aos comicios cun amplo programa electoral que contén 50 liñas básicas nas que a aposta máis forte é pola consolidación do turismo e o sector vitivinícola como eixos fundamentais do seu proxecto de futuro para Sober.
A maiores, entre os piares que vai impulsar o PP atópanse as infraestruturas e a vivenda, potenciando a área de rehabilitación integral de Sober, a única de Galicia que afecta á totalidade do Concello. Seguirase ampliando a rede municipal de auga e saneamento esixirase á Deputación Provincial de Lugo un plan serio para a mellora e mantemento da rede viaria provincial do Concello.
Entre as 50 liñas básicas, destaca a solicitude de Festa de Interese Turístico Nacional para a Feira do Viño de Amandi, así como propostas para seguir impulsando a cultura, o patrimonio, o deporte e as novas tecnoloxías.
CANDIDATURA
1. Luis Fernández Guitián, de Sober
2. Sonia Fernández Martínez, de Bolmente
3. Francisco Vázquez Pérez, do Castro de Gundivós
4. Carmen Pérez Pérez, de Matamá-San Martiño de Anllo
5. Raquel Arias Rodríguez, de Vilastrille-Proendos
6. Abel López Fernández, de Sanmil-Brosmos
7. José Quevedo Pérez, de Sober
8. Iván Armesto Fernández de Sistín do Mato-Canaval
9. David Cidre Guitián, de Millán
10. Beatriz Fernández Fernández, de Lobios
11. Domingo López Fernández, de Doade
Suplentes:
Noelia Vázquez Carnero, de Amandi
Carlos Losada Rodríguez, de Figueiroá
María del Carmen Agrelo Vázquez, de Doade
Héctor Manuel Díaz López, de Santa Marta-Barantes