Xove, 5 de maio de 2023. O candidato do PP de Xove, Demetrio Salgueiro, presentou oficialmente a candidatura coa que concorre ás eleccións do 28 de maio e coa que pretende revalidar a alcaldía deste municipio por quinto mandato consecutivo. Arroupado polo coordinador xeral da formación popular na provincia, José Manuel Balseiro, e a responsable de Infraestruturas e Mobilidade do Goberno galego, Ethel Vázquez, agradeceu a implicación dos integrantes da lista que, segundo manifestou, conxuga experiencia, xuventude, representación parroquial e incorporación de xente nova.
Trátase, segundo adiantou, dun equipo deseñado para dar cumprimento ao programa electoral, no que destaca a ampliación do polígono industrial de Camba para favorecer o asentamento de novas empresas a creación de novos postos de traballo; a aposta pola Educación e o Servizos Sociais, incluíndo a posta en marcha dun Centro de Día para maiores; a dinamización das medidas de creación de emprego de calidade a través do Plan de Emprego Municipal; a dotación de novas infraestruturas deportivas, coa construción dun parque deportivo e de ocio, un novo pavillón de deportes, así como a mellora da pista cabalar de Lago e o seu contorno, e o Porto Deportivo de Morás; entre outras liñas de actuación.
Salgueiro é empregado do Concello de Burela en excedencia e licenciado en CC. Económicas. A el, ségueno persoas cun amplo currículo como son: Dolores Meitín, Licenciada en CC. Políticas; Cristina Iglesias, licenciada en CC. Do Deporte; Cecilia Duarte, Técnico Superior Administrativo; Rubén Sánchez, traballador de Alcoa e incorpórase á lista como número 6 Tamara Soto, Terapeuta Ocupacional, que cubrirá o espazo de Servizos Sociais trala baixa por motivos laborais de Ana Abad tras 16 anos. Sobre esta última, o alcaldable non dubidou en recoñecer “que dende o Partido Popular lle estamos inmensamente agradecidos polo seu gran traballo, sabendo que sempre vai estar aí cando a precisemos aínda que non forme parte do goberno”.
O resto dos integrantes destacan pola súa implicación nas distintas parroquias. “Só así, avanzou Salgueiro, podemos seguir dando unha resposta ao que necesitan os veciños”.
O candidato concluíu destacando que “toda a candidatura é un aval en formación e experiencia”. “Presentámonos ca ilusión e o firme compromiso de aportar o noso traballo para continuar a mellorar Xove, culminar proxectos que temos en marcha e atraer novos investimentos para o noso pobo”, remarcou.
“GRAN VALOR PARA O PP”
Dende a dirección provincial, representada por José Manuel Balseiro, non dubidaron en sinalar que “Demetrio Salgueiro é un gran valor para o PP”. “A súa xestión así o acredita pero tamén a súa valía como persoa e a súa entrega á política municipal”, manifestou o tamén deputado autonómico.
APOIO DA XUNTA EN INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE
Ethel Vázquez fixo fincapé, pola súa banda, en que “o PP cre en Galicia e aposta pola vertebración territorial. Impórtannos as estradas”, aseverou. Nese sentido, engadiu que “se impulsará a primeira fase das obras da estrada LU-540 que conecta A Mariña con Cabreiros pola Gañidoira”.
A responsable de Infraestruturas e Mobilidade en Galicia sinalou que “as estradas son seguridade viaria e calidade de vida”. Nese sentido, recordou que “hai pouco atendemos a solicitude do alcalde de mellorar a entrada a Xove desde a variante polo lado de Viveiro e actuamos tamén na rotonda de Belán” e, por suposto, tamén atenderemos a nova demanda de mellorar o lado de Cervo e adecentar a glorieta; así coma a de facer outra senda na zona do polígono”. Vázquez incidiu en que “se o alcalde aposta pola mobilidade sostible, se o alcalde quere poñer á xente de Xove a andar, nós temos que axudarlle. Como lle axudaremos, tamén, se o necesita nese proxecto que está a impulsar para mellorar auga do abastecemento”.
LISTA COMPLETA
A candidatura, que está formada por 18 persoas e recibiu a ovación do público asistente, é a seguinte:
- José Demetrio Salgueiro Rapa
- María Dolores Meitín Guerreiro
- Cristin Iglesias Guerreiro
- Cecilia Duarte Fernández
- Rubén Sánchez Villarquide
- María Tamara Soto López
- Manuel Ángel Meitín Rouco
- María Pilar Cociña Sánchez
- Leandro Quelle Franco
- Beatriz García Taladrid
- Luis Dayán Souto
Suplentes:
- José Manuel Dayán Mariño
- José Manuel Balseiro Canoura
- María Amabilia Vázquez Díaz
- Rosario Balseiro López
- Juan Carlos García Castro
- María Josefa Pena Pastor
- Andrés Prieto Muriel