Partido Popular de Lugo

O PP pon de manifesto a “nula xestión e desidia”  de Loureiro que permitiu a perda de dúas bandeiras azuis e que a praia de Sacido leve pechada máis de cinco anos

Viveiro, 4 de maio de 2023. O PP lamenta que Viveiro siga á cola da Mariña no número de bandeiras azuis. Esta distinción ten un gran prestixio no sector turístico e o goberno socialista desprezouno desde o primeiro momento e das 3 bandeiras que chegou a ter (Covas, Sacido e Área), só queda 1 e grazas.

Por comparación, Foz ten 5 e Barreiros e Burela 3. Para un municipio tan turístico como o de Viveiro isto é un absoluto fracaso e o PP négase a afacerse a este desastroso resultado ano tras ano. Para o PP é lamentable que Viveiro teña o mesmo número de bandeiras azuis (1) que As Pontes, un concello do interior, que a ten para o lago.

Que unha desas praias, non só perdese a distinción senón que leve máis de 5 anos pechada, é o mellor retrato da nula xestión e desidia do actual goberno municipal. O acceso á praia de Sacido foi clausurada pola Dirección Xeral de Costas, xestionada polo goberno socialista de Pedro Sánchez, debido a un derrube.

A pesar de que, ano tras ano, Costas inviste partidas millonarias en mellorar accesos a outras praias da Mariña, Sacido non aparece nas prioridades.

Ante a tempada turística, o Partido Popular quere saber que actuacións levou a cabo a alcaldesa nestes anos para liquidar esta situación. Así como outras que afecten a ese organismo: arranxo do paseo marítimo en Covas, reparación do firme do aparcadoiro da variante, a reposición das luces na zona do paseo coñecida como “Punta Cana”, etcétera. Neste tema, non pode desviar a atención á Xunta, é un ministerio do PSOE e non foi capaz en todos estes anos de resolver estes problemas.