Partido Popular de Lugo

O bigoberno da Deputación impide ao PP fotografar ás grandes árbores que vai cortar en Santa María mentres se opón á Rolda Leste alegando que esixe tallar carballos

Lugo, 4 de maio de 2023. O bigoberno provincial demóstrase disposto a poñer todo tipo de trabas á construción da Rolda Leste alegando, entre outras cuestións, que obrigará a cortar árbores. Pola contra, non dubida en cortar árbores de gran porte no antigo Fogar de Santa María, para acondicionar un aparcadoiro ao pé da Muralla. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, denuncia que  no día de hoxe “unha vez máis o grupo provincial do PP vén de sufrir un novo atropelo debido á falta de transparencia coa que opera o presidente da Deputación, José Tomé, que de novo denegounos a posibilidade de efectuar o noso labor de control, neste caso no antigo Fogar de Santa  María; neste espazo van ser cortados sete árbores, nun entorno urbano moi importante, ao pé da Muralla e nun recinto tan especial como é este do antigo hospital de Santa María. Non nos autorizaron a sacar fotografías das árbores; tivemos que facelo dende a  rúa”.

Castiñeira sinala: “Ademais de falta de talante democrático, vemos unha falta de coherencia do goberno bipartito da Deputación (PSOE e BNG), que cando lle interesa fai caso dos informes técnicos e cando non lle interesa, fai alusión a cuestións políticas. Así dende o goberno da Deputación de Lugo poñen obxeccións a que se leve adiante a Rolda  Leste, pero permiten tallar sete árbores de gran porte no Fogar de Santa María”.

Os populares lamentan “esta actitude do señor Tomé que, xusto cando soubo que habería un investimento importante para a Rolda Leste, xa anunciou na propia Deputación que poría trabas”.

Castiñeira ten claro que “o que busca o señor Tomé é que non se faga ese investimento, única e exclusivamente por intereses políticos; esta é a forma de actuar do PSOE e do BNG: cando lles interesa din unha cousa e cando lles interesa dicir a contraria buscan argumentos que nada teñen que ver coa realidade”.