Monterroso, 3 de maio de 2023. O PP de Monterroso celebrou hoxe, no restaurante Pacior, un encontro con empresarios e autónomos ao que asistiu o vicepresidente do Partido Popular da provincia de Lugo e responsable de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde. O candidato popular á alcaldía de Monterroso, Eloy Pérez, sinala que este encontro respondeu ao convencemento de que o progreso e o desenvolvemento industrial de Monterroso van da man de “empresarios, autónomos e traballadores por conta allea”.
O alcaldable popular explicou as iniciativas impulsadas dende o Concello para o apoio aos empresarios e de impulso do comercio local.
Eloi Pérez, por outro lado, puxo de relevo as carencias que ao seu xuízo é preciso superar canto antes en Monterroso e informou das xestións efectuadas ao respecto. Nesta liña indicou que é necesidade que debe ser atendida con prioridade a creación dun acceso á autovía de Santiago. Esta carencia, segundo sinalou Pérez, xa foi exposta á Xunta, concretamente ao presidente de Galicia.
O alcaldable lembrou tamén as xestións efectuadas para a creación do centro de interpretación A Vila das Feiras, que está convencido de que xogará un papel fundamental para a promoción do patrimonio histórico e cultural de Monterroso. De feito, explicou que xa acudiron a ver algunhas das pezas que alberga investigadores da Universidade de Valencia.
Unha das necesidades que ten Monterroso, en materia de infraestruturas, é a ampliación da estación depuradora de augas residuais. As xestións efectuadas deron como resultado, segundo explicou Eloy Pérez, que estea a punto de rematar a elaboración do proxecto técnico.
Eloy Pérez deu conta tamén do feito para a reforma do Complexo da Peneda e asegura que se goberna o PP está garantida a firma do necesario convenio coa consellería de Medio Ambiente.
Francisco Conde, pola súa parte, asegurou que Monterroso merece un futuro de oportunidades para os novas xeracións, alternativas industriais, investimento, novas empresas e captar oportunidades para o emprego e o emprendemento.
Neste sentido referiuse á importancia de apostar pola simplificación administrativa e por adoptar medidas que favorezan o investimento e posta en marcha de proxectos industriais a través dunha Administración próxima e da colaboración. De aí a importancia de contar cun goberno municipal a futuro que teña entre as súas prioridades a xeración de actividade industrial e de emprego.