Monforte, 3 de maio de 2023. O PP de Monforte presentou hoxe o programa electoral co que concorrerá ás eleccións locais que se celebrarán o próximo día 28. A candidata á alcaldía, Katy Varela, acompañada polos membros da súa lista, explicou área a área as medidas que considera necesario aplicar para que Monforte saia do estancamento no que se atopa como consecuencia do déficit de xestión do goberno presidido polo socialista José Tomé.
Os populares poñen especial atención na mellora dos servizos sociais, buscando a inclusión. Neste campo defenden a xestión directa polo concello do Servizo de Axuda no Fogar, a construción da cidade sanitaria, a ampliación do centro de día, a creación da unidade de atención temperá, a ampliación da gardería infantil e o incremento de prazas. Igualmente adquiren o compromiso de potenciar a Oficina Municipal de Información Xuvenil, así como a creación do programa de Conciliación e corresponsabilidade familiar.
Os populares comprométense a mellorar a comunicación do Concello coa cidadanía, así como a desenvolver unha xestión transparente. Neste terreo apostan pola creación dunha oficina de asesoramento sobre xestión de trámites, simplificación dos trámites administrativos, incremento das axudas ás asociacións de veciños, máis transparencia na xestión dos servizos e á creación do manual de identidade corporativa.
A auga é un ben escaso e, en Monforte, ademais o servizo de abastecemento ten numerosas deficiencias. Atendendo a escaseza e a necesidade de mellorar o servizo, os populares comprométense a efectuar as obras necesarias para a renovación das infraestruturas relacionadas co abastecemento e o saneamento. Igualmente, en materia de medio ambiente, o programa inclúe iniciativas para mellorar a limpeza das rúas, así como a intensificar o desbroce de pistas e camiños e a creación dun parque canino.
ECONOMÍA E TURISMO
En canto á economía, Katy Varela comprométese a finalizar os acceso ao porto seco, establecer incentivos para favorecer o asentamento de empresas, flexibilización da ocupación de vía pública, medidas de impulso do comercio local, organización de feiras artesanais e rebaixas no IBI, plusvalía e IAE. Estreitamente vinculado a este campo está o impulso do turismo; o PP quere que a oficina de información sexa xestionada directamente polo Concello, fomento do Camiño de Inverno, posta en valor do patrimonio histórico e natural, apoio ás agrupacións artísticas, mellora das xestión das instalacións culturais e creación do centro Maker e novos museos, como o do calzado.
No terreo das infraestruturas, Varela citou, entre outras iniciativas que desenvolverá o PP se chega a gobernar, a construción da ponte da Acea Nova, a apertura da rúa Lois Pereiro cara á Ponte dos Picos, así como un novo acceso ao polígono dende a N-120. Os populares comprométense a aprobar un novo PXOM e a impulsar a rehabilitación do casco histórico.
En canto a infraestruturas e actividades deportivas, o PP inclúe, entre outras iniciativas, a construción dun novo pavillón polideportivo e a rehabilitación das instalacións xa existentes, así como a creación dun centro de alto rendemento para piragüístas. Tamén pretenden ampliar as zonas de baño e crear novas rutas de sendeirismo.