Becerreá, 2 de maio de 2023. O candidato do Partido Popular á alcaldía de Becerreá, José Fernández Carrete, aposta por “un concello vivo e que medre sobre as súas potencialidades”. Así o reivindicou durante unha visita a Becerreá do responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, na que tamén participaron os deputados autonómicos José Manuel Balseiro – coordinador xeral do PP lucense- e Encarna Amigo e coa os populares aproveitaron para trasladarlle distintas iniciativas para a zona.
Tendo en conta que “o sector agrario e forestal é un dos piares económicos para Becerreá”, o PP recolle no seu programa electoral distintas medidas para adoptar dende o goberno local co obxectivo do seu impulso. É o caso das permutas agrarias; pero tamén a mellora e limpeza das vías de comunicación e a mellora do acceso a Internet. “Son medidas coas que apoiar ao sector e que redundarán na mellora da calidade de vida de tódalas persoas que viven na zona rural. A mellora do acceso a Internet contribúe tamén a fomentar o asentamento de persoas con teletraballo”.
Tamén recollen os populares, en relación a esta zona, a mellora das traídas de auga, estudar a posibilidade de instalar bocas de incendio e facer as xestións para conseguir apoios doutras administracións para dotar, progresivamente, a tódolos pobos dun sistema para o tratamento das augas residuais con redes de sumidoiros.
CFEA DE BECERREÁ: FORMACIÓN DE CALIDADE
O alcaldable popular puxo en valor a actividade do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá que imparte “formación de alta calidade e cun importante compoñente práctico”. Carrete considera que “pola súa ubicación, as súas instalacións -cunha extensa superficie, distintas masas forestais e varias explotacións de especies animais- e o seu amplo parque de maquinaria forestal está chamado a ser un referente no ámbito da formación relacionada co medio rural e o sector forestal”. De feito, no centro impártense dous ciclos de formación profesional -o CM de Xestión forestal e do medio natural e o CS de Aproveitamento e conservación do medio natural-, ademais de numerosas actividades de formación continua.
Carrete destacou tamén que “o centro é un importante exemplo da aposta da Xunta por Becerreá e toda a nosa comarca”. Nese sentido, lembrou que “se están a levar a cabo obras de mellora no tellado do centro para as que a Xunta achega máis de 128.000 euros e tamén están previstas novas iniciativas”.