A Pastoriza, 29 de abril de 2023. O PP concorre na Pastoriza ás eleccións locais que se celebrarán o próximo 28 de maio cunha lista tan renovada que nela so figuran dous membros da anterior. A presentación da candidatura que encabeza, Darío Cabaneiro, como candidato á alcaldía, levouse a cabo hoxe, en dous escenarios, por un lado, na Casa da Cultura, e, por outro, cunha visita á SAT Os Penedos coa participación do responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, e o coordinador do PP lucense e deputado autonómico, José Manuel Balseiro.
O candidato á alcaldía, Darío Cabaneiro, e o número dous da lista, Marcos García Lombardero -presidente da xunta xestora do PP da Pastoriza- explicaron que a lista popular é “moi renovada e moi representativa, tanto no que se refire ás parroquias como ao abano social”. É, indican, ·unha candidatura con moita xente nova, con moito empuxe; pero tamén con persoas con veteranía, que aportan a experiencia”. Como mostra do valor que dan á experiencia, no último lugar da lista figura o ex alcalde José Yáñez. É moi significativo tamén o feito de que o candidato á alcaldía é fillo do alcalde Cabaneiro, que levou a cabo a concentración parcelaria nos anos 60.
A Pastoriza necesita cambio, di Cabaneiro, “e este é o momento do cambio”. En canto á campaña, destaca que, polo que respecta ao PP, será “unha campaña totalmente limpa”.
O conselleiro de Medio Rural lembrou que aínda que o PP gañou as eleccións xerais en España gobernan as esquerdas «a través do desgoberno e a indecisión, tándem perigoso que nos trouxo, como era previsto, ao contexto que hoxe, desafortunadamente, estamos a vivir”. Avisou de que » temos que ter claro que todos os galegos e as galegas poden identificarse no proxecto do PP de Galicia, porque somos un partido que sabe defender Galicia dentro de España». Defendemos -dixo José González- «a nosa forma de ser, de vivir, de falar no idioma que queiramos e cando queiramos, defendemos as nosas tradicións e a nosa cultura». Destacou: «Somos un partido moderado e de centro, xa que no centro é onde está a maioría dos galegos. E tamén queremos poñer á Pastoriza nese centro».
Lembrou que o panorama político está fraccionado e, precisamente, «esta fracción é responsable de que partidos nun mesmo goberno xeren máis e máis fricción: fricción entre eles, fricción na sociedade, etcétera, ante a cal o único partido que pode ofrecer garantía na xestión é o Partido Popular». A experiencia -engadiu- «de, nada máis nin nada menos, que 14 anos xestionando un Goberno autonómico, é o selo distintivo do Partido Popular, dentro e fóra de Galicia”.
Diante dos riscos que implica a división do voto, José González sinalou: «Puido haber un momento, hai catro anos, no que alguén, remotamente, dubidase. Pero xa non; xa non quedan dúbidas porque estes partidos afanáronse a demostrar, nestes anos, que non saben xestionar». En Galicia, «hoxe somos exemplo de rigor e estabilidade; isto tamén pode ser así dentro doutros catro anos na Pastoriza, pero só pode ser da man de Darío Cabaneiro, candidato á alcaldía polo Partido Popular». Rematou pedindo: «Poñamos no centro á Pastoriza elixindo a Darío, elixindo a boa xestión, elixindo o cambio para medrar, elixindo ao Partido Popular”.
Dende a dirección provincial do PP, o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, sinalou: “O que necesita A Pastoriza é estabilidade política e institucional e iso pasa pola maioría absoluta do PP”. Lembrou que “na Pastoriza gobernaron estes anos os perdedores e foi un goberno que destacou polos desencontros entre o PSOE e o BNG”.
A LISTA NOME A NOME
1. Dario Cabaneiro Santomé
2. Marcos García Lombardero
3. Josefa Méndez Pena
4. Jesús Obarrio Pérez
5. Adrián Cendán Rodríguez
6. Pablo Bouso Souto
7. José Luis Iglesias Paz
8. Mónica García Mon
9. María del Carmen Lombardía Cando
10. Diego López Rodríguez
11. Eva Gacio Arias
Suplentes:
1. María Seco Reigosa
2. Iván Hoz Pérez
3. Marcos García Jartín
4. Nilo Felipe Fernández
5. José María Rigueiro Otero
6. David Gómez Prieto
7. Mario López Iglesias
8. José Yáñez García