Partido Popular de Lugo

José Manuel Pol González presenta unha candidatura «representativa de toda a poboación pero tamén con experiencia na política municipal»

Quiroga, 29 de abril de 2023. O candidato á alcaldía, José Manuel Pol González presentou a candidatura do Partido Popular de Quiroga como “representativa de toda a poboación pero tamén con experiencia na política municipal”. O acto de presentación contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; o secretario xeral do partido, Javier Vázquez Nodal; e o coordinador xeral do partido, José Manuel Balseiro, ademais de varios representantes da dirección provincial.

A candidatura do PP de Quiroga está formada por 14 persoas que conxugan o compromiso, a responsabilidade polo municipio e as súas capacidades; para formar parte dos diferentes eidos do proxecto de Pol. No transcurso do acto, o alcaldable pediu a confianza na nova candidatura que incorpora “xente nova, xente que estivo vinculada á política e sobre todo xente que pode representar a todos os quirogueses”.

A lista está encabezada por Pol, natural de Ribas de Sil e veciño de Campo de Vila en Quiroga e que leva 35 anos á fronte da xestoría Rozas-Campos que lle permitiu coller a experiencia necesaria para facer fronte a “unha responsabilidade tan grande como é ser candidato á alcaldía de Quiroga”.

O número 2, 4, 5 e 9 recaen en Ana Lucía Nogueira Marcos, María Dolores Sánchez Durán, José Ángel Rodríguez Raposo e Pilar Diéguez González, actuais concelleiros e que aportarán a experiencia política na toma de decisións. Adrián González Losada e Raúl Carballedo Rodríguez ocupan os postos 3 e 8 respectivamente. Ambos pertencen ao mundo do deporte ao ser o primeiro adestrador do Quiroga F.C e o segundo, o presidente do equipo. O candidato destaca deles “o seu compromiso con Quiroga, co deporte e coa xuventude, pois impulsan valores como a disciplina, o esforzo e o respecto que axudan ao desenvolvemento das habilidades físicas e mentais dos membros do equipo”. Tamén hai presenza na lista de xente que representa a outros sectores como o rural, a sanidade, o emprendemento e os servicios socias.

EN DEFENSA DA SANIDADE

Julio García Comesaña, pola súa parte, destacou o papel da sanidade galega durante “a proba máis dura que tivo nunca o Sistema Nacional de Saúde, que foi a pandemia da COVID”. Neste sentido, os datos do Ministerio de Sanidade explican que Galicia é a comunidade da península con menor taxa de mortalidade.

O responsable da Sanidade galega lembrou que foi posible gracias á calidade da sanidade galega que “PSOE e Bloque din que está desmantelada”. Ademais, lembrou que “levan desde 2013 dicindo que a Xunta do PP vai pechar os hospitais comarcais”, cando a realidade é que desde a creación das estruturas de xestión integradas ese mesmo ano, a Xunta impulsou no 2014 o hospital de día onco-hematolóxico en Monforte conseguindo que as persoas con tratamento de quimioterapia xa non tiveran que trasladarse a Lugo para o seu tratamento. “Con esta medida evitouse máis de 40.000 desprazamentos nos últimos 8 anos”, apunta o conselleiro.

Por outra banda, lembrou tamén que “no ano 2018, cando fusionamos as áreas sanitarias volveron a dicir que era a fin dos comarcais e un ano despois estabamos empezando o proxecto de obra no hospital de Monforte cun investimento de 1,5 millóns de euros permitindo a consolidación dun espazo novo e a ampliación da farmacia hospital”.

Neste sentido, García Comesaña explicou que o PSOE e o BNG, votaron en contra dunha lei aprobada polo Parlamento de Galicia que permite a incorporación de médicos por concurso de méritos. “Esta lei á que eles votaron en contra vai permitir convocar 21 prazas de especialista médicos sen oposición coa praza fixa no hospital de Monforte como mínimo por dous anos”, di o responsable da Sanidade do Goberno galego.

CANDIDATURA COMPLETA

1 José Manuel Pol González

2 Ana Lucía Nogueira Marcos

3 Adrián González Losada

4 María Dolores Sánchez Durán

5 José Ángel Rodríguez Raposo

6 Andrés Campo García

7 José Miguel González Lemos

8 Raúl Carballedo Rodríguez

9 María del Carmen Casanova Ferreiro

10 Pilar Diéguez González

11 Zaneta Voronicova

Suplentes:

12 Emilio Castro Pérez

13 Vicente Rodríguez Vila

14 María Josefa Álvarez Delpont