Muras, 28 de abril de 2023. O Partido Popular de Muras lamenta “a mala xestión do goberno do BNG e as irregularidades con respecto aos pagos das cantidades correspondentes aos premios da XXXIV Feira do Poldro e do Gando do Monte”. A voceira municipal e candidata á alcaldía, Eugenia Requeijo, sinala que “os gandeiros premiados nas distintas categorías dos concursos aínda non cobraron os cantidades anunciadas e que ascenden a máis de 4.000 euros”. Tendo en conta que a feira se celebrou a finais de setembro do 2022, “moitos veciños e veciñas de Muras e doutros concellos da zona que participaron na feira co seu gando -e tamén os participantes das carreiras- levan sete meses agardando por esas cantidades que o goberno local do BNG prometeu, pero non deu”.
Ante o malestar de varios veciños que trasladaron as súas queixas aos populares, a portavoz do PP interesouse por este asunto no pleno deste mércores no que “o alcalde recoñeceu que o expediente desta feira non está completo”. De feito, “esa foi a escusa que nos puxo para xustificar que nos denegara o acceso ao expediente ao que temos dereito. Se denega o acceso é porque oculta algo”, considera.
Ademais de coñecer polos propios afectados que aínda non cobraron as cantidades deses premios, os populares tamén constataron “outra irregularidade como é que as bases non foran publicadas no BOP da provincia. Só na web e as redes do Concello”.
O ALCALDE ACABA COA FEIRA, DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO
A popular considera que, deste xeito, “o alcalde está acabando coa feira do poldro porque, se non paga o que ten anunciado aos participantes, os nosos gandeiros deixarán de asistir. Se non levan o gando, non hai feira”. A este respecto, Eugenia Requeijo lembra que “está declarada festa de interese turístico galego”.