Partido Popular de Lugo

O Parlamento galego pide á Xunta que continúe colaborando co Concello de Sober na posta en valor dos restos arqueolóxicos de Proendos

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar coa súa colaboración co Concello de Sober para poñer en valor os restos arqueolóxicos atopados na parroquia de Proendos.

A deputada popular Raquel Arias salientou que a parroquia de Proendos “é coñecida como un dos lugares de maior interese arqueolóxico do sur lucense e da Ribeira Sacra”. Así, desde o século XIX está documentada a existencia de numerosos vestixios do que parecía ter sido unha importante poboación romana, á que Murguía se referiu como Proencia.

“En pouco máis de medio quilómetro cadrado temos un importante conxunto de petroglifos, ademais de terse atopado moitos vestixios materiais da época medieval”, sinalou Raquel Arias, que apuntou que a propia igrexa que se atopa no mesmo lugar “é un exemplar do románico rural do século XII, cunha nave ampliada no século XVII e que conserva na capela maior unha interesantes pinturas do século XVI, que foron restauradas a comezos do presente século”.

Arias indicou que “todo isto conforma un interesante punto turístico da Ribeira Sacar, protexido urbanísticamente xa que o Plan Xeral, que se comezou a elaborar en 2000, prohibe novas construcións no lugar”.

A Xunta e o Concello de Sober levan realizando traballos arqueolóxicos nesta zona desde o ano 2019, cun investimento de 70.000 euros. Estas actuacións confirmaron que o xacemento existente en Proendos “posiciónase como un espazo fundamental para comprender a chegada do imperio romano ás terras do noroeste peninsular e a súa instauración no mundo rural”, manifestou a deputada popular.