Partido Popular de Lugo

O PP atende a proposta de asociacións de veciños de Foz e solicita na Deputación lombos de seguridade nas estradas provinciais en Vilaxoane (LU-P 2001) e en Marzán (LU-P 2009)

Lugo, 26 abril 2023. No último pleno ordinario da Deputación de Lugo, a petición do PP de Foz,  o grupo provincial popular defendeu unha iniciativa para que se instalen uns lombos nas dúas entradas á vila para mellorar a seguridade do tráfico, especialmente a dos peóns. Nos dous casos, as estradas son da Deputación.

O portavoz popular en Foz e na Deputación, Javier Castiñeira, explica: “Nos barrios de Vilaxoane e de Marzán, as asociacións de veciños coinciden en considerar prioritaria a seguridade vial e demandan a instalación de lombos, para forzar aos vehículos a reducir a velocidade. Por Vilaxoane descorre a LU-P 2001 (comunica Vilaxoane con San Martiño de Mondoñedo) e os veciños queren un lombo á altura da capela de San Blas, porque é un tramo perigoso, sen beirarrúas. Por outro lado, os veciños de Marzán piden lombos  de seguridade regulamentarios á altura do seu local social na estrada LU-P 2009 (vai dende o cruce de Marzán ata o Bispo Santo)”.

Castiñeira aclara que as dúas estradas comunican o centro urbano coa basílica de San Martiño e teñen bastante tráfico rodado e peonil. Explica que o PP tramitou a petición dos veciños como un rogo na Deputación de Lugo, que se viu na más recente sesión plenaria da corporación provincial. Esta iniciativa foi defendida polos populares “a petición dos veciños, despois das reunións que o PP de Foz mantivo cos colectivos de todo o concello”.