Láncara, 25 de abril de 2023. O Partido Popular está a traballar no seu proxecto para Láncara que lidera Olga Capón, pero que conta tamén cun “equipo de persoas traballadoras, que aportan coñecementos e experiencia en distintos sectores, totalmente implicadas e con moita ilusión por mellorar o noso concello”. De feito, “levamos xa semanas traballando unidos e a disposición de tódolos veciños e veciñas” porque queremos facer que, entre todos, “Láncara progrese”.
Olga Capón presenta as cinco persoas que a suceden na lista -Marcos Míguez (2), Miguel Losada (3), Susana Ungría (4), José Antonio Somoza (5) e Manuel Neira (6)- que, “ademais de ser persoas moi implicadas dende o primeiro día, representan a cada unha das mesas electorais do municipio” no que foi unha aposta persoal da candidata á alcaldía por “formar un equipo de xente de varias parroquias de forma que abarcamos todo o territorio do noso concello”.
Marcos Míguez, que representa á zona de Armea na mesa de Carracedo, é empresario do transporte e gandeiro cunha explotación de carne. Interesado pola política do Concello desde o ano 2015. “É un rapaz moi coñecido e moi querido que cre firmemente que se poden cambiar as cousas. Aporta serenidade e forza e, sen dúbida, traballará por impulsar a industria en Láncara”, explica Capón.
Miguel Losada, da zona alta do concello – Cedrón-, entra por primeira vez en política e destaca “pola súa calidade humana”. É unha persoa namorada do rural, preocupada polo futuro dos seus fillos, de que os mozos que queiran se podan quedar no rural e de que os maiores teñan a atención que merecen. Creo que pode aportar moito pola dinamización de Láncara”, asegura a candidata.
Susana Ungría, que representa a zona da Pobra de San Xiao e tamén concorre por primeira vez, é unha muller emprendedora que montou a primeira casa niño do concello. “É nai e está moi vencellada ás actividades lúdicas, de ocio e de atención a nenos e tamén moi vinculada coa xuventude”.
José Antonio Somoza ocupará o número 5 representando á mesa de Río. Xa formou parte da candidatura do PP no ano 2011. Tivo unha gandería e gústanlle moito os animais. “Está moi implicado co rural e por garantir que os mozos encontren atractivo seguir traballando nas ganderías. É un home bondadoso e querido polos veciños”, sinalou a candidata.
Manuel Neira representa á zona de Trasliste. Conta con máis de 30 anos de experiencia política. De feito, formou parte das listas do ex alcalde Eladio Capón. “É unha persoa de total confianza que conserva moita ilusión por aportar e que, se chegamos ao goberno, será o concelleiro de obras”, explica a alcaldable.
O VENRES, ACTO DE PRESENTACIÓN
O equipo completo darase a coñecer o vindeiro venres, 28 de abril, a partir das seis da tarde no Polifuncional do Campo da Feira da Pobra de Xiao nun acto aberto á participación de tódalas persoas que queiran asistir. Capón avanza que “a candidatura conta tamén con máis persoas que representan ás cinco mesas do concello” e que, no seu conxunto, “constitúe un equipo comprometido a longo prazo”. A todos, agradécelles “a súa implicación e aportación para axudar a ganar”.