Partido Popular de Lugo

O PP di que o goberno bipartito da Deputación «despreza o consenso sobre a Rolda Este: prefiren deixar de lado o interese xeral por cuestións relacionadas coa cita coas urnas»

Lugo, 25 de abril de 2023. O goberno bipartito da Deputación “despreza” unha emenda do Grupo Provincial Popular “prudente e lóxica” sobre a Rolda Este coa que pedían a volta ao consenso como ata fai pouco, e en numerosas ocasións, se alcanzaba no pleno municipal do Concello de Lugo. “Esta infraestrutura era demandada polos grupos no Concello e suscitaba paz política”, segundo explicou durante a súa intervención o deputado Óscar Poy, tamén concelleiro en Lugo. “Agora, por cuestións relacionadas coa cita coas urnas, detúrpase a nobre función da política e PSOE e BNG deixan de lado o interese xeral”, engadiu.

O PP propoñía que o pleno instase á Xunta a estudar todas as alegacións que sexan presentadas optando por unha opción que supoña o menor impacto posible. “Unha fórmula que entendo que acolle todas as sensibilidades ao respecto desta obra que non fai tanto tempo suscitaba un discurso unánime de todos os partidos políticos”, explicou o deputado popular. Deste xeito, “amosaríamos o interese de todos na mellora da cidade”.

Poy lembrou “a falta de fundamento das protestas” por “empezar antes de que se coñecera o trazado” e insistiu nas contradicións do “bipartito de hoxe e do bipartito de fai dous meses. Non fai tanto, o BNG xuntou en Lugo a Ana Pontón, Olalla Rodil e ao candidato reclamando a Rolda Este porque era unha infraestrutura imprescindible; pero agora din que o imprescindible é parar a obra, como sexa”.

“E o PSOE, un mes antes da viraxe do Bloque, opúxose a unha proposta do Partido Popular de construír un párking na zona de Fontiñas argumentando que os problemas de falta de aparcamento tiñan como solución construír a Rolda Este. Pero agora din que xa non é tan necesaria e xa non solucionada nada”, engadiu.

O PSOE INTENTA DINAMITAR A INVERSIÓN DESTE ANO

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira, sinalou antes de entrar ao salón de plenos e en resposta ás preguntas dos medios de comunicación, que “sabemos que é unha necesidade importante para Lugo”. Ademais, “a Xunta está en disposición de canalizar esa inversión para atender a demanda dos lugueses e iso parece que é o que lle molesta ao goberno da Deputación e ao do Concello”.

“Son case 19 millóns de euros dos que 6 serían para este ano; pero o PSOE pretende que non se faga neste ano esa inversión tan importante. O Partido Socialista intenta dinamitar este asunto como claramente dixo o propio presidente da Deputación”, apuntou Castiñeira. “Non deberiamos pararnos neste debate que non é máis ca un debate electoral”.