Partido Popular de Lugo

Castiñeira: «Acaban catro anos aciagos para a provincia e para a Deputación, debido a que Tomé actuou como subdelegado de Sánchez e agora do señor do Garañón»

Lugo, 25 de abril de 2023. A Deputación celebra esta mañá a súa última reunión plenaria do mandato (só quedará en maio a necesaria para aprobar a acta da do pleno de hoxe) e o portavoz popular, Javier Castiñeira, fai un primeiro balance do que foron estes catro últimos anos para a provincia no que se refire á institución provincial. En resumo, Castiñeira di: “Acaban catro anos aciagos para a provincia e para a propia Deputación, debido a que o presidente, José Tomé, actuou máis como subdelegado de Sánchez, e agora de José Ramón Gómez besteiro, o señor do Garañón, que en defensa dos intereses dos lucenses”.

Castiñeira sinala: “A conclusión que saca o PP destes catro anos é que tivemos un presidente que non exerceu as súas responsabilidades como máximo representante da provincia, e máis ben se dedicou a ser o subdelegado do Goberno de Pedro Sánchez na provincia de Lugo. O único que fixo o señor Tomé foi apoiar as políticas sectarias do Goberno dos socialistas en contra da nosa provincia. Así o puidemos vivir no tema enerxético, na crise de prezos, nas múltiples decisións que van en contra dos nosos gandeiros, en contra do sector da pesca, en definitiva, en contra dos intereses económicos da provincia”.

O portavoz popular na Deputación lembra que “nos orzamentos do Estado nunca estiveron presentes as grandes infraestruturas da provincia que seguen estancadas, polas que o señor Tomé non fixo absolutamente nada; foi o mellor subdelegado do Goberno que puido ter Pedro Sánchez aquí, e máis agora que ten como xefe ao delegado do Goberno ao señor Besteiro, ao señor do Garañón”. En opinión de Castiñeira, “a conclusión é moi clara: o señor Tomé foi submiso de Pedro Sánchez e será submiso tamén do que queira facer o señor Besteiro; como demostra a historia, foi sempre moi prexudicial para a nosa provincia”.

En canto á “nefasta” xestión efectuada polo goberno presidido polo socialista José Tomé, o portavoz popular manifesta: “Non queren as residencias, non queren cooperar cos concellos aos que conxelaron a cooperación, non quere arranxar as estradas provinciais e di, como escusa, que é unha rede moi ampla”. En definitiva, “Tomé non exerceu as súas responsabilidades e os únicos que gañaron foron os deputados do BNG, o BNG coa súa idea de eliminar protagonismo á Deputación de Lugo dentro da provincia”. Desa posición do Bloque, como parte do goberno provincial, “saíron beneficiados no reparto os concellos con gobernos nacionalistas e viuse prexudicada a gran maioría dos concellos, especialmente os máis pequenos”.

En conclusión, en palabras de Javier Castiñeira, “foi un enorme ataque da política do bipartito á provincia de Lugo”. Os populares están contentos “porque remata unha época aciaga para a provincia de Lugo, malísima para a Deputación de Lugo, que perdeu protagonismo pola submisión do señor Tomé aos intereses do señor Besteiro e de Pedro Sánchez, que en definitiva son os mesmos”.