A Pobra do Brollón, 24 de abril de 2023. O bigoberno provincial demostra unha capacidade inesgotable de intentar enganar aos veciños da Pobra do Brollón nun servizo tan necesario, importante e desexado neste concello como é a residencia da terceira idade. Así o asegura o candidato popular á alcaldía, Teddy López, que destaca que “nun exercizo de desvergonza política, de novo, en vésperas de eleccións, o goberno presidido polo socialista José Tomé anuncia outra vez a licitación da obra e outra vez ten as mesmas trazas de acabar como as anteriores: en nada”. É, di López, “a cuarta vez que Tomé intenta enganar aos veciños da Pobra do Brollón coa licitación da residencia, pero xa non lle vale o engano”.
López afirma que os veciños séntense enganados e que iso sábeo ben incluso o goberno municipal. Declara: “Estou convencido de que, como xa fixeron en anteriores ocasións, calquera día virán a instalar o cartel anunciando a construción da residencia; e tamén estou convencido de que, igual que outras veces, así que pase o 28 de maio volverán a quitar o cartel, porque, por algunha causa que inventen, resultará que queda sen efecto a contratación da obra. E así, unha e outra vez ata que, como estou seguro de que ocorrerá, cambie o goberno provincial e sexa o PP a que dirixa a Deputación”.
O candidato popular está convencido de que Tomé e o Bloque non están pola labor de seguir construíndo residencias e que só así se entenden a súa pretensión de que sexa a Xunta a que as asuma. Teddy López di: “O bigoberno da Deputación, polo menos no caso da Pobra do Brollón, xa non engana a ninguén co asunto da residencia da terceira idade. Non contentos cos enganos aos que someteron aos veciños ata o momento, inténtano de novo”.
López lembra e comparte unhas recentes declaracións do portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, que afirmou: “A licitación da residencia da Pobra do Brollón é unha total e absoluta tomadura de pelo e unha mostra máis da nefasta xestión das residencias polo goberno provincial”.