Mondoñedo, 24 de abril de 2023. O PP de Mondoñedo deu a coñecer na noite de onte, na finca San Antonio, a súa candidatura para as próximas eleccións locais, convocadas para o 28 de maio. O candidato á alcaldía é o actual alcalde, Manuel Ángel Otero Legide, que enfila a carreira electoral coa experiencia do tempo que leva á fronte do Concello, dende a renuncia de Elena Candia, e coa acumulada durante os anos que desempeñou á tenencia de alcaldía. Otero Legide di que é unha lista de xente con experiencia, continuista, deseñada para avanzar rápido e seguro na execución do proxecto do PP para Mondoñedo e para empezar a traballar dende o primeiro día. Na presentación participaron distintos membros da dirección provincial do partido, entre outros, a presidenta, Elena Candia, e o coordinador xeral, José Manuel Balseiro.
A popular é unha lista con poucos cambios. Rexistra a incorporación de dúas persoas: Armando José González Barreira (número 7) e Miguel Ángel Arias García (número 9). Procedentes da lista de suplentes das anteriores eleccións, incorpóranse María del Pilar Díaz Fernández (número 8), Ana Mel López (número 10) e María Milagros Martínez Rivas (número 11). Polo demais, hai algún movemento cara arriba con respecto á lista de 2019 e sigue no posto número 6 Alberto García Fernández.
O candidato do PP á alcaldía de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero Legide (Mondoñedo, 1960), ao que os seus veciños coñecen por Manolo de Xannetos, chegou ao Concello como número dous da lista que encabezaba Elena Candia para as eleccións municipais do 2015. Repetiu posición nos comicios do 2019 e, coa renuncia de Candia á alcaldía, para presentarse ás máis recentes eleccións autonómicas, asumiu á alcaldía. É, polo tanto, un veterano á fronte do Concello. Destaca a experiencia da maior parte dos que o acompañan na lista e di que o traballo e os éxitos, se os hai, “son froito dun equipo, de traballar en equipo”. Engade: “Xa temos o ritmo collido”. No caso de revalidar a alcaldía, o obxectivo, dito a grandes rasgos, é “dar continuidade ao traballo iniciado, como viñemos facendo dende hai oito anos”
Para Otero Legide é prioritario seguir avanzando na mellora e ampliación dos servizos sociais, así como completar as realizacións no ámbito da ordenación urbana, en xeral, e en especial do casco histórico. Nesta liña, a rehabilitación de inmobles é unha parte fundamental. Lembra que nestes anos pasados foi aprobado o PXOM e que será de gran importancia a aprobación do plan especial do casco histórico. Destaca a relevancia de conseguir no seu momento a declaración de Área de Rehabilitación Integral e o Plan Rexurbe. Otero pon de relevo a importancia que o PP dá a zona rural. “Para nós está no centro das nosas políticas; sempre foi unha prioridade; queda demostrado no traballo que levamos feito na mellora das estradas municipais”
Outra faceta de gran relevancia, segundo indica o alcalde e candidato a repetir no cargo, é a promoción turística de Mondoñedo, do seu patrimonio; trátase -di- de seguir avanzando na liña que se veu seguindo dende que o PP asumiu a alcaldía con Elena Candia. Do mesmo modo que no impulso ao asentamento de empresas e a xestión da mellora das infraestruturas que, sen ser de titularidade municipal, dan servizo a Mondoñedo.
A LISTA NOME A NOME
1.- Manuel Ángel Otero Legide
2.- María Ángeles Rodríguez Rico;
3.- José Otero Rejes
4.- Manuel Tapia Rivera
5.-María Patricia Otero Doural
6.- Alberto García Fernández
7.- Armando José González Barreira
8.- María del Pilar Díaz Fernández
9.- Miguel Ángel Arias García
10.- Ana Mel López
11.- María Milagros Martínez Rivas
Suplentes:
.-José Ramón Díaz Barreira
.- María Gervasia Cabanas Eiras
.-María Amparo Anello Gil
.-Luis Otero Pena
.-Luciano Javier Folgueiro Lorigados
.- Pablo Redondas Losada
.-María del Carmen Cillero Méndez