Partido Popular de Lugo

Castiñeira anima a Tomé a deixar de facer seguidismo do Goberno e a apoiar a moción que presenta o PP para reclamar a gratuidade dos servizos de FEVE na Mariña

Lugo, 24 de abril de 2023. O Goberno central marxina a Lugo en practicamente todo o que ten que ver con infraestruturas e mobilidade, e unha boa demostración de que é así é que os billetes de FEVE están totalmente bonificados para asturianos e cántabros pero non para os galegos, concretamente para os veciños da Mariña. O PP presentará na Deputación unha iniciativa para intentar cambiar este estado de cosas e espera que, por unha vez, o goberno provincial dea o seu apoio. Iso a pesar de que, como sinala o portavoz provincial, Javier Castiñeira, “na Mariña sabemos da nula influencia que ten José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, sobre as decisións do Goberno central; sabemos que Tomé actúa como representante da delegación do Goberno na provincia e fai máis labor para xustificar as decisión que van en contra  da provincia de Lugo que para velar polos seus intereses”.

Castiñeira explica: “O grupo provincial do PP levará ao pleno que celebrará mañá a Deputación unha moción instando ao Goberno central a que trate por igual aos veciños da Mariña, de Galicia, con respecto aos de Asturias e Cantabria, que teñen o tren, o FEVE, bonificado na súa totalidade”.

Os populares lembran que a bonificación dos billetes foi unha medida adoptada polo Goberno “despois da metedura de pata do Ministerio de Transporte que encargou trens que non collen polo túneles”. A bonificación foi “para tratar de calar as críticas” pero só beneficiou a asturianos e cántabros. “O mínimo que deben facer os socialistas de Lugo é reclamar o mesmo para os veciños da Mariña”, sinala o portavoz popular.

Javier Castiñeira di: “Xa estamos fartos de infraestruturas con problemas: a N-642 chea xa de fochancas,  cun socavón importante que marca a mobilidade de todos os mariñáns, e sen nada feito para a autovía A-74, para a que non se moveu un camión de terra en catro anos. Esperemos que neste último pleno, os socialistas  non fagan o mesmo de sempre, que é esconderse ou xustificar decisións de Sánchez en contra da mobilidade dos lucenses, neste caso, por tren, dos veciños da Mariña e do resto dos usuarios”.