Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada lembra aos socialistas que os principais investimentos no municipio foron obra da Xunta e anima a Mayra García a pasar máis tempo no Concello ao servizo dos veciños

Trabada, 23 de abril de 2023. O 28 de maio haberá eleccións locais e todos os partidos presentan estes días as súas candidaturas. É un tempo no que a competencia entre partidos é especialmente acusada e máis aínda no terreo da política máis próxima aos cidadáns. Pero, por iso mesmo, porque a proximidade implica coñecemento do outro, é recomendable medir con prudencia o que se di. O portavoz e candidato do PP á alcaldía de Trabada, José María Fernández, asegura que a alcaldesa e aspirante socialista a repetir no cargo, Mayra García, non mediu moi ben as súas afirmacións na presentación da súa candidatura, nin o fixeron tampouco o secretario xeral dos socialista galegos, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro. Fernández sinala: “Como saben todos os veciños de Trabada, os investimentos máis relevantes que se levaron a cabo neste concello foron debidos á Xunta de Galicia, pilotada polo PP; polo tanto, non ten moito sentido, máis aló da pura demagoxia, vir a Trabada a cargar contra a Xunta”. Fernández recomenda a Formoso e Besteiro que coñezan ben cal é o estado do municipio, porque a súa realidade non se corresponde coa que viven día a día os veciños.

 O candidato popular di: “Acúsanos aos populares a aspirante socialista de ter  interese persoal en intentar gobernar en Trabada. Pois máis interese persoal

debe haber no PSOE, porque tres dos seus membros cobran do Concello”. Di que que nin el nin os que conforman a candidatura do PP concorren as eleccións por interese persoal “porque todos temos traballo e non precisamos dedicacións nin soldos a dedo”

José María Fernández tamén declarou: “É inaudito que veñan a Trabada a criticar á Xunta, a Administración que máis investiu neste Concello e sen facelo de xeito sectario”. Engade: “O que debe preocupar á alcaldesa é que en todos os anos que estivo á fronte do Concello non houbo ningún investimento relevante; iso si que debe preocupala”. Indicou que cando Mayra García chegou á alcaldía a residencia da terceira idade xa estaba construída, grazas á xestión do PP.

O portavoz e candidato popular dixo tamén: “Trabada necesita moitas cousas, pero, principalmente que quen estea á fronte do Concello viva neste municipio, pase aquí o día traballando na defensa dos intereses dos veciños. Tamén iso é algo que, como saben os que viven en Trabada, debería ser causa de preocupación de Mayra García, pero parece que non é así”.