Partido Popular de Lugo

O PP de Taboada contará coa representación de Novas Xeracións nunha aposta do partido pola mocidade

Taboada, 22 de abril de 2023. O Partido Popular de Taboada contará coa representación de Novas Xeracións no municipio como unha aposta clara do partido pola mocidade. Esta iniciativa englóbase dentro da renovación que o partido está realizando na provincia apostando polos máis novos e presentando o seu programa electoral. O cargo de presidente da agrupación recae en Gabriel García Abelleira, natural da parroquia de San Paio de Arxiz. O novo dirixente ten como profesión técnico de fibra óptica.

Desde o grupo xuvenil aseguran que “o noso programa conta como principal liña de traballo a mocidade e o asentamento de poboación no rural”. En canto á mocidade, o programa recolle o fomento do deporte e en particular a oferta de novos deportes en escolas deportivas de Taboada.

“É necesaria as actuacións de mellora no complexo deportivo de A Medela. Tamén temos que cubrir a pista de pádel e acondicionar a pista de tenis para o seu uso e desfrute durante todo o ano, ao igual que pista de fútbol sala”, explican desde NNXX. Neste sentido, subliñan a importancia de fomentar entre os máis pequenos a práctica de deporte, e en especial o fútbol, por ser o deporte que máis adeptos ten no municipio. Desta maneira, as actuacións de mellora no campo de A Medela permitirá que funcione como eixo vertebrador do deporte en Taboada.

Noutra orde de cousas, NNXX quere potenciar de novo a festa da Xuventude desde o Concello para atraer máis actividade de ocio para os mozos. En canto ao asentamento de poboación en zonas do rural unha das iniciativas máis destacadas sería a creación dun coworking coa idea de axudar aos nómadas dixitais a establecerse nas zonas rurais. Para isto, contarase cun edificio con cinco oficinas e unha sala de reunións para novos emprendedores.

A presidenta de NNXX, Rosa Arza, destaca a creación do grupo de Novas Xeracións en Taboada como “primordial para o desenvolvemento das accións xuvenís no municipio” e como unha ferramenta máis para loitar contra o despoboamento do rural. Ademais, Arza di: “A constitución da agrupación de Taboada enmárcase dentro do compromiso da dirección provincial xuvenil de renovar e aumentar a presenza do Partido na provincia. Estamos a traballar para seguir sumando máis caras novas co obxectivo de renovar as agrupacións locais”.