Lugo, 21 de abril de 2023. O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, está embarcado nun programa de actos electoralistas cos que pretende a desesperada conservar a Deputación de Lugo. Nesa liña, Tomé firmou hoxe co Concello da Fonsagrada un convenio para o polígono industrial. O portavoz dos populares na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Pedímoslle ao señor Tomé que non lles falte ao respecto aos veciños da Fonsagrada. Non nos parece lóxico e consideramos un insulto que vaia poucos días antes das eleccións a prometer aos veciños da Fonsagrada un polígono industrial, especialmente despois de levar catro anos sen mirar para esta localidade”. A vista das circunstancias, o presidente da Deputación vai A Fonsagrada “ás présas, facendo anuncios que entendemos non teñen credibilidade por parte dos veciños, porque tivo moito tempo para facelos e para telos executados no seu momento e non o fixo”.
O Partido Popular -di Castiñeira- leva moito tempo “reclamando a mellora das estradas provinciais neste concello e o equipo de goberno, o bipartito PSOE-BNG, e, concretamente, o responsable de vías e obras, o señor Tomé, fixo caso omiso desa demanda”. Agora, os populares ven nesta visita do presidente da Deputación a Fonsagrada “un acto electoral, non un acto institucional, non un acto leal, senón ao contrario, de política barata, na que claramente se define o señor Tomé”.
Javier Castiñeira considera que Tomé “só precisa aos veciños da Fonsagrada para intentar gañar a Deputación de Lugo, algo do que o PP dubida moito, non só porque cremos que os veciños da Fonsagrada son moito máis intelixentes do que pensa o señor Tomé, e saben, como en toda a provincia, que chegou a un punto no que non o cre ninguén”.