Lugo, 20 de abril de 2023. A xunta de portavoces da Deputación estudou esta mañá sendas propostas de declaracións institucionais. Unha delas de apoio á proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a “restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión”, e outra, que tivo o respaldo popular, de apoio ao recoñecemento das necesidades non cubertas das persoas con lupus, con motivo do dia mundial desta enfermidade, que se celebrará o 10 de maio. Con respecto a esta última, na declaración a Deputación recoñece “o traballo que desenvolven a Federación Española de Lupus, e a Asociación Galega de Lupus, un traballo centrado en dar a coñecer esta enfermidade e promover unha maior investigación sobre ela”.
Na mesma declaración destácase que “é preciso tamén fomentar unha maior investigación” e que “os fondos destinados aos esforzos na investigación médica sobre o Lupus, ao descubrimento dunha cura e de tratamentos máis eficaces para os pacientes de Lupus son sensiblemente inferiores aos dedicados a outras enfermidades de similar magnitude e gravidade”. Igualmente, no mesmo texto sinálase: “É necesario que se recoñeza o dano orgánico acumulado que inclúe o esgotamento e a dor diaria, e que os tribunais valoren adecuadamente o conxunto de limitacións, concedendo os graos de discapacidade que os pacientes merecen, sen ter que acudir aos tribunais de xustiza”.
O PP estivo representado na xunta de portavoces polo viceportavoz Óscar Poy. Os populares manifestáronse en contra da declaración de apoio ao cambio proposto no himno de Galicia pola Federación de Asociacións Culturais Galegas, Galiza Cultura, a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza e Vía Galega, que presentaron no Parlamento de Galicia unha proposición de lei de iniciativa lexislativa popular. Os populares cren que un cambio como o proposto non é materia propia, nas actuais circunstancias, en pleno contexto electoral, dunha declaración institucional.