Foz, 19 de abril de 2023. O candidato popular á alcaldía de Foz, Javier Castiñeira, desenvolve, xunto co seu equipo, o programa de reunións con asociacións de veciños. As dúas máis recentes foron coas directivas das asociación de Vilaxoane e de Marzán, que, cada un polo seu lado, son os barrios que constitúen as entradas a Foz. Castiñeira sinala: “O Partido Popular ve prioritario que nos próximos anos se arranxen as dúas entradas de Foz; están moi necesitadas de melloras, tanto no seu aspecto como na súa funcionalidade e na seguridade, especialmente dos peóns. É preciso cambiar e mellorar o alumeado público das dúas entradas, tanto en Vilaxoane como en Marzán; hai que mellorar tamén as beirarrúas e darlle aos dous barrios aspecto de núcleos urbanos”.
Castiñeira explica que “esas dúas entradas a Foz foron facéndose a parches e teñen moi pouco sentido en canto a ordenación urbanística”. Di que “así o solicitan as asociacións de veciños, coas que estivemos reunidos, destes dous barrios importantísimos de Foz, nos que vive moitísima xente; son barrios que medraron moito e que hai que integrar na trama urbana da vila”.
Castiñeira sinala: “Agradecemos a dispoñibilidade das directivas das asociacións de veciños de Vilaxoane e de Marzán. Aportaron propostas e suxestións que teremos en consideración no plan para os próximos catro anos; son factibles para o Concello de Foz e pódese xestionar a axuda doutras administracións”.
Na reunión, abordáronse cuestións centradas “basicamente nos servizos prioritarios; entendemos que hai que intentar atendelas o antes posible”. Os populares din que “nestes pasados catro anos pouco ou nada se fixo nestes dous barrios, que deben ser totalmente integrados na trama urbana; neles vive moita xente, hai segundas residencias e vivendas en proxecto”. Castiñeira destaca que “as entradas son a primeira imaxe que ofrece Foz a propios e a visitantes e non podemos falar de terceiro acceso cando temos os dous fundamentais, e que o seguirán sendo durante moito tempo, absolutamente abandonados”.