Monforte, 18 de abril de 2023. O PP de Monforte pretende que o Concello asuma directamente a xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Para intentar conseguir este obxectivo defenderá unha moción na próxima sesión plenaria, segundo indica a portavoz popular e candidata á alcaldía, Katy Varela. Explica que “actualmente a xestión do SAF está externalizada; é a terceira vez nun ano que se licita o contrato, sempre con polémica, ou ben por non cumprir as subidas salariais requiridas polas empregadas ou por non ser suficiente o importe para as empresas e quedar deserto”.
Varela destaca que na actualidade “hai preto de 130 persoas en lista de espera para recibir o servizo, e a pasividade que mostran o alcalde, o socialista José Tomé, e o seus concelleiros diante deste feito é intolerable”. Engade: “Desde o Partido Popular apostamos por unha mellora na atención ás persoas e, nesa liña, no pleno deste mes solicitaremos que o Servizo de Axuda a Domicilio volva ser de xestión directa, tal e como o era no goberno de Nazario Pin, cunha concellería propia de servizos sociais, ocupada naquel momento por María Carmen Pérez Álvarez”. Esta ex concelleira figura no posto número 9 da candidatura popular para as próximas eleccións locais.
Os populares sinalan que “actualmente a Concellería de Servizos Sociais compártese coa de Facenda e Interior e recae na tenente alcalde Gloria Prada, que debe ademais suplir ao alcalde en múltiples ocasións ao estar este fóra moitas veces”. Varela considera que “isto é unha clara mostra do relegados que deixan os servizos sociais en Monforte, como xa sucedeu ao non acollerse á orde de axudas para ampliar o número de prazas da gardería ou non constituír a unida de atención temperá”.
Katy Varela declara: “Desde o PP consideramos que a xestión directa do SAF sen empresas polo medio é o máis adecuado para poder dar un servizo eficiente e para que as empregadas estean satisfeitas no desenvolvemento do seu traballo”.
Os populares consideran que coa xestión directa do servizo conséguese unha maior transparencia, incremento da eficacia e do control dos custos, así como garantir a accesibilidade e mellorar a calidade das prestacións. Cren igualmente, que, coa fórmula que propoñen, hai máis flexibilidade na toma de decisións, mellora a protección dos dereitos das traballadoras e resulta posible unha formación continuada das mesmas.