Cervantes, 17 de abril de 2023. A deputada autonómica e reumatóloga no HULA, Encarna Amigo, súmase ao equipo que encabeza Óscar Fernández en Cervantes ocupando o número 2 na candidatura do Partido Popular de cara ás vindeiras eleccións municipais.
O candidato popular destaca que “Encarna Amigo é unha veciña moi comprometida con Cervantes” e, polo tanto, considera “unha boa nova para o noso concello e para os nosos veciños que dea este paso e se poña á súa disposición”. Nese sentido, Amigo asegura que “me comprometo a traballar para defender os intereses de tódolos nosos veciños”.
A popular é unha gran embaixadora de Cervantes, “o municipio que me viu medrar”; e defínese como “ruralista” porque “creo e aposto por un rural vivo e ambicioso no que nos temos que implicar todos”.
Amigo ten moi presente que “en Cervantes a gandería en extensivo é moi importante como actividade económica, pero tamén como recurso para aproveitar e coidar os montes e previr incendios. Os montes necesitan ser xestionados”, engade. Así mesmo, cre que “o noso entorno está cheo de oportunidades” e aposta por “converter a Cervantes nun referente turístico-medioambiental”. E, para iso, di que “hai que facer políticas municipais axeitadas e ambiciosas que poñan a Cervantes no mapa turístico”.
CURRÍCULO
Médica reumatóloga de profesión, asesora da Liga Reumatolóxica Galega; conta con experiencia na corporación local do Concello de Lugo onde foi concelleira polo Partido Popular durante dous mandatos, dende 2011 ata o 2019. Dende o ano 2016, representa aos lucenses no Parlamento de Galicia onde é, ademais, a voceira de Sanidade do Grupo Popular.