Partido Popular de Lugo

O PP de Muras critica ao alcalde que en oito anos gastara 250.000 euros en pagos a dúas empresas por asesorar ao Concello, en asuntos nos que podían emitir informe a secretaria ou outros funcionarios

Muras, 4 de abril de 2023. A economía, en definición da RAE, é, na súa primeira acepción, a “administración eficaz e razoable dos bens”. A RAG, pola súa banda, inclúe unha acepción na que economía é a “redución de gastos ou administración en que se evitan os gastos innecesarios ou inútiles”. Pois, como sinala a portavoz do PP, Eugenia Requeijo, o goberno de Muras non aplica ningunha das definicións reseñadas, porque fai mal uso dos recursos de que dispón o concello, como o demostra o feito de que nos últimos oito anos, dedicou 250.000 euros a pagos a dúas empresas por servizos de asesoría, en cuestións que poderían ser resoltas polos funcionarios municipais.

Para un Concello como o de Muras, 250.000 euros é unha cantidade significativa e, en opinión de Eugenia Requeijo, constitúe un gasto innecesario e totalmente evitable, dado que as cuestións para as que se pediu asesoramento poderían ser respondidas pola secretaria ou outros funcionarios municipais. A maiores, hai que ter en conta que tanto o alcalde como o segundo tenente de alcalde cobran por dedicación ao Concello.

Eugenia Requeijo sinala: “Estiveron gastando cartos por traballos que deberían facer os funcionarios e, con eses cartos, poderíanse ter feito outras cousas que necesitan os veciños”. A portavoz popular cre que o gasto indicado demostra unha vez máis que “ao alcalde gústalle moito figurar, pero o de traballar xa é outro cantar, e por iso recorre ao máis fácil que é externalizar á asesoría, de maneira totalmente innecesaria”. Destaca tamén a liña externalizadora de servizos que sigue o goberno local.