Lourenzá, 31 de marzo de 2023. Sandra Gómez Maradona será o número 2 da candidatura do Partido Popular de Lourenzá que encabeza Roberto Díaz Expósito de cara ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
Sandra Gómez Maradona é a responsable dos programas Erasmus nunha asociación de profesores de Galicia con sede en Ribadeo, un traballo que compaxina, cando lle é posible, co de celadora no Hospital Público da Mariña. Ademais, forma parte da xestora do PP laurentino.
A popular é unha persoa cercana que destaca “polo seu trato coa xente”. De feito, procura estar ao seu carón traballando e escoitando as súas necesidades. Nese sentido, “non dubidamos de que tratará de buscar medidas para mellorar a calidade de vida dos laurentinos”, sinala o alcaldable.
Pola súa banda, Sandra Gómez Maradona asume este reto “con compromiso, responsabilidade e humildade” e sinala que “chegamos ao momento no que debemos decidir: seguir coa mesma situación que temos ou crer nun novo e ilusionante proxecto. O PP é a alternativa para o cambio”, afirma.
A número 2 da candidatura vive en Lourenzá onde leva asentada a metade da súa vida. E tamén naceu en Lourenzá. De feito, explica como anécdota que “nacín na Ponte da Pedra, asistida miña nai polo Dr. España, camiño do Hospital de Mondoñedo. Ao pasar pola ponte decidín que era o momento de saír a ver mundo e, cousas do destino, aquí estou de novo”.
Sandra Gómez Maradona conta cunha variada e ampla formación académica: graduado social pola USC, técnico en prevención de riscos laborais, técnico en emerxencias sanitarias do 061 e técnico en atención a persoas en situación de dependencia.