Partido Popular de Lugo

O PP di que Cajoto coñeceu o plan para a dársena de Porto Chico antes de que Portos recibise a Javier Castiñeira

Foz, 31 de marzo de 2023. A medida que foron pasando os meses deste mandato municipal, foi quedando máis clara a  difícil relación que ten o socialista Fran Cajoto coa verdade, así como a súa inmoderada propensión a dar prioridade aos desexos da cúpula provincial do PSOE fronte aos intereses dos veciños de Foz. O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegura que “o señor Cajoto mentiu, mentiu unha vez máis, cando dixo que tivera que coñecer a nova disposición da dársena de Porto Chico pola prensa; iso é totalmente falso é o PP ten testemuñas que din que os técnicos de Portos de Galicia xa presentaran o proxecto ao señor alcalde moito antes de que o PP, xunto con representantes da asociación A Ribeira e do Club Náutico visitaran as instalacións de Portos de Galicia na Coruña”.

Os populares consideran que o comportamento de Cajoto “é grave e indecente”. Castiñeira engade: “É grave facer falsas acusacións a unha Administración como é a Xunta de Galicia, que leva catro anos sufrindo esta actitude totalmente desleal do señor Cajoto”.

Os populares sospeitan a que se debe a actitude de Cajoto. Non sei cal é o motivo -di Castiñeira-  de intentar desprestixiar todo o que fai a Xunta de Galicia en Foz, pero “é probable que sexa pura estratexia política, pero tamén é probable que sexa froito do infantilismo político do señor Cajoto, que fai máis caso do que lle din as altas esferas do PSOE na provincia de Lugo que do que é bo para os veciños de Foz”.

Os populares queren que Cajoto “pida perdón á Xunta de Galicia e aclare esta situación”. O PP presentou unha pregunta no pleno celebrado onte polo Concello, “para verificar se  iso fora verdade e a contestación do alcalde lévanos a pensar que Cajoto si coñecía esa situación e que as súas protestas foron froito, por un lado, dos celos de ver que o PP segue traballando da man das asociacións de Foz e, por outra parte, da falta de respecto absoluto a unha Administración tan importante e investidora como é a Xunta de Galicia”.